Preto de oitenta nenas e nenos de Narón participan desde esta mañá nas actividades do programa DeporNadal

Instante do Depornadal – Concello de Narón

Un total de setenta e oito rapazas e rapaces empadroados no Concello de Narón, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, participan desde esta mañá nas actividades do programa DeporNadal. A oferta desta iniciativa, impulsada a través do Servizo Municipal de Deportes de Narón en colaboración con outros clubes e entidades, iniciouse hoxe ás 10.00 –rematou ás 13.00- no polideportivo municipal da Gándara, con dúas propostas deportivas: Fútbol sala e Atletismo. Mañá continuará na mesma ubicación con Natación e Balonmán; o xoves con Xadrez –no local social do Alto- e o vindeiro venres haberá Tiro con Arco e Patinaxe no pavillón da Mocidade, na Gándara.

Moitas das nenas e nenos inscribíronse en varias actividades deportivas. A modalidade de Tiro con arco é a que máis menores ten inscritos, un total de 49, seguido das de Tenis de mesa e Baloncesto, con 48 participantes cada unha delas e Voleibol, con 46. A continuación, con 41 sitúase Natación; con 40 cada unha Atletismo e Patinaxe; con 34 Fútbol sala; 36 Balonmán; con 35 Xadrez e Golf; con 33 Remo e con 30 cada unha Baile Deportivo e Judo.

As diferentes actividades desenvolveranse ata o 5 de xaneiro, sempre en horario de mañá, nas instalacións do Pavillón polideportivo da Gándara, no Pavillón da Mocidade, na Gándara; no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía; no local social do Alto do Castiñeiro e no Club de Golf Campomar, no Val. A vindeira semana haberá Tenis de Mesa e Voleibol o día 2 no pavillón Campo da Serra; Baloncesto e Judo o día 3 no polideportivo da Gándara; Golf o día 4 no Club de Golf Campomar e, por último, Baile deportivo e Remo o día 5 tamén no pavillón da Gándara.

O concelleiro de Deportes, Román Romero, agradeceu a colaboración prestada polos clubes: Cidade de Narón, Atletismo Narón, Arco de Narón, Narón Bolea, Tenis de Mesa Narón, Judo Club Narón, Remo Narón, Club de Golf Campomar, Baile Deportivo Narón e Balonmán Narón; as agrupacións deportivas Náutico Narón, Santiago Apóstol, La Madriguera e o Círculo Xadrez Narón por colaborar co Servizo Municipal de Deportes “para poder ofrecer ás rapazas e rapaces de Narón esta completa oferta deportiva na tempada das vacacións de Nadal”. Así mesmo, o edil naronés desexou aos participantes que “aproveiten ao máximo estas xornadas deportivas nas que esperamos que desfruten das diferentes actividades”.

Lea también

En un partido difícil ,pero sin mordiente, tras el fallo de un penalti a favor del Racing, finaliza con el 0-0 en el marcador

(Amboage)-Un partido difícil al que se enfrentó el Racing de Ferrol en la noche de …