As mozas do proxecto «Teño unha horta en San Sadurniño» desenvolvido dentro da Aula CeMIT do Concello recibiron na mañán deste martes de mans de representantes da Xunta e da coordinación do Cemit-Innova o accésit ao premio Son Dixital outorgado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O recoñecemento para “Teño unha horta…” vai dirixido ás súas protagonistas, Carmen Suárez -coordinadora da iniciativa-, Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa, en recoñecemento de como as persoas poden empregar a tecnoloxía de forma útil.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020. Esta primeira edición tivo como obxectivo «recoñecer o traballo das persoas», tal e como sinalou Fernando Gil, Xefe da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.
Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto ganador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xetionado pola asociación Nuestra Señora de Chamorro e as persoas con discapacidade intelectual que participan diariamente nos seus obradoiros. Un accésit foi para San Sadurniño e o outro levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.
“Teño unha horta en San Sadurniño” acadou o premio por tratarse, segundo o fallo do xurado, dun «bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural», destacando polo seu carácter innovador na forma de transmitir o traballo e a tradición a través de youtube. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia premiou os «relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida dedicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas». Fernando Gil recoñeceulles o mérito ás protagonistas: «é de xustiza darvos este premio. O voso proxecto é unha realidade. Foi importante para vós, para que fixérades ver o voso traballo e para que se vexa tamén San Sadurniño»