A oferta deportiva en Narón amplíase coa constitución do clube NHD Adventure

Instante da presentación – Concello de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron esta mañá un novo clube deportivo da cidade, NHD Adventure. O presidente da entidade, David López, o tesoureiro, Jorge Prado, e un dos vocais, Antonio Pasandín, deron a coñecer esta agrupación, á que o Concello cederá o circuíto municipal localizado no polígono de Río do Pozo, tal e como indicou a alcaldesa da cidade. Ferreiro fecicitou aos representantes do novo clube pola súa constitución e animounos a “sumarse ao intenso traballo que en materia de deportes se leva a cabo na nosa cidade en numerosas disciplinas e grazas ao esforzo e colaboración entre o Concello e os diferentes clubes e agrupacións deportivas como este que damos a coñecer hoxe”.

O clube NHD Adventure iniciará a súa actividade en Río do Pozo unha vez que acondicionen o circuíto cedido polo Concello, tal e como apuntou o edil de Deportes naronés. Jorge Prado agradeceu en nome da entidade a colaboración do Consistorio e avanzou que se habiltiarán nese espazo dous tipos de circuítos, un para vehículos todocamiño e outro para todoterrenos. En canto ao traballo a desenvolver desde o clube explicaron que se programarán varias rutas familiares e quedadas, para descubrir os encantos turísticos da zona. “Estas rutas teñen un marcado carácter familiar e turístico e realizaranse priorizando a protección do medio e a circulación sostible por pistas e camiños”, apuntou David López. Os traxectos serán tanto por Ferrolterra como por outros concellos da zona, según avanzaron desde a entidade. Forma tamén parte das previsións a programación de cursos e xornadas de aprendizaxe sobre conducción fóra de asfalto, apuntaron os representantes do clube.

Así mesmo, tamén o vindeiro ano, convocaranse catro probas –de xaneiro a abril- para participar nunha Liga de Navegación. Nesta última actividade os participantes terán que buscar unha serie de coordenadas, sacar unha foto e posteriormente, en función duns tempos determinados recibirán unha puntuación, tal e como explicaron.

As persoas interesadas en formar parte deste novo clube poden contactar cos seus representantes a través da súa páxina web: https://nhdadventure.com/ ou da súa páxina de Facebook (NHD Adventure). Desde a agrupación están xa en conversas con outras asociacións interesadas en utilizar as instalacións do circuíto de Río do Pozo, e amosan a súa dispoñibilidade para que aquelas interesadas en desenvolver actividades nesa ubicación “poderán facelo sen problema se teñen cabida nese espazo”, indican.

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes de Narón destacaron o feito de que esta nova entidade deportiva apostase pola cidade, “contribuíndo así a incrementar a actual oferta deportiva da cidade” e desexaron moita sorte ao equipo de NHD Adventure.

Lea también

Triple sobre la bocina del BBCA masculino para recuperar la sonrisa con una victoria épica

Épica victoria del Costa Artabra sobre la bocina, en un trabajado encuentro este sábado ante …