As concelleiras de Festas, Mar Gómez, e Acción Social, Catalina García, presentaron na mañá deste martes dous dos actos contemplados na programación de Nadal do Concello de Narón e que terán lugar o vindeiro 23 de decembro: a IX Xornada Moteira Solidaria e a segunda edición do Rock Narón Festival.
Xornada moteira solidaria
Na tarde do día 23, ás 16.30 horas, sairá da Praza de Galicia a comitiva da Xornada Moteira Solidaria, formada por uns douscentos moteiros que, acompañados de Papá Noel, dirixiranse a Santa Icía, á Praza da Gándara e pola estrada de Castela ata Xuvia, para regresar de novo sobre as 17.30 horas á Praza de Galicia.
A concelleira de Acción Social e o presidente do Moto Club Fojeteiros, José López Quintián, destacaron o apartado solidario desta convocatoria, na que se reúnen alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Obradoiros de diferentes temáticas, actividades de educación viaria, inchables e unha chocolatada de balde para os moteiros disfrazados de Papa Noel e tamén para aquelas persoas que doen un quilo de alimentos, roupa ou xoguetes completarán a programación de tarde na Praza de Galicia. Ao longo da tarde recolleranse tapóns solidarios para a causa de Alba, “La Promesa”, tal e como recordou Quintián.
Rock Narón Festival
E tamén o día 23, xa pola noite, será o turno da música, cunha nova edición, a segunda, do Rock Narón Festival. A praza de Galicia acollerá baixo unha carpa o escenario no que actuarán, a partir das 21.00 horas, os grupos Oveja Negra –versións de Barricada-, Sin Tron ni Son –versións variadas de rock-, On Fire –de Jimmy Hendrix-, Black Yack –variadas de rock- e Riff Raff –de AC-DC-. Este ano o programa inclúe a actuación da lexendaria banda de rock madrileña Burning, tal e como anunciou a concelleira de Festas. O estilo de Burning combina á perfección estilos como o rock, o rythm and blues e o blues e conta con milleiros de seguidores. A entrada é de balde.
O presidente do Moto Club Fojeteiros agradeceu a colaboración do Concello de Narón nesta nova edición da Xornada Moteira Solidaria e a edil de Acción Social destacou tamén a implicación do citado motoclube local tanto con este evento como con moitos outros que, con carácter solidario se organizan a través do Concello durante o ano.
Catalina García e Mar Gómez animaron á cidadanía a asistir a estes eventos, destacando que “completarán unha programación deseñada desde o Concello e pensada para todos os públicos, na que se ofertan actividades e eventos propios destas datas para desfrute de todas e todos os naroneses”.