825 deportistas tomarán a saída este domingo na XXXII Memorial Adolfo Ros-Volta á ría

Presentación da Adolfo Ros – Concello de Fene

A Casa do Concello de Fene acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación do XXXII Memorial Adolfo Ros, un clásico do atletismo que discorrerá este domingo sobre unha distancia próxima aos 21 quilómetros seguindo os principais eixos de comunicación de Fene, Ferrol, Narón e Neda. Á cita, que arrancará no paseo de San Valentín ás 10.00h., apuntáronse 825 atletas, 694 na proba absoluta, 129 para as categorías menores e 2 no apartado handbike. No encontro cos medios desta mañá participaron o titular da área de Cultura e Deportes, Justo Martínez, a técnica municipal Mercedes Justo e o delegado da federación en Ferrol, Paulino Cartelle. Nela avanzouse que os catro municipios implicados acordaron recentemente definir «a partir de 2018» un percorrido fixo «independentemente de quen o organice» e que, ademais, estea homologado como media maratón pola Federación Española de Atletismo.

Justo Martínez definiu o memorial como «unha das probas de maior tradición na zona de Ferrolterra» e explicou os pormenores da proba, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. Tal e como detallou o concelleiro, a saída darase ás 10.00h. ao carón do pavillón da Xunqueira e, desde alí, as corredoras e corredores rodearán as vivendas de San Valentín para encamiñarse a Ferrol polas Pías.

Xa en Ferrol pasarán pola Avenida do Mar, a rúa Tellerías, a Avenida de Esteiro e a Avenida de Vigo, onde se desviarán por Carvalho Calero para conectar coa Estrada de Castela e tirar para Narón, pasando por Faxardo, o Alto do Castiñeiro, Freixeiro, O Ponto e Xubia.

Tras cruzar a ponte, xa en Neda, a carreira continuará pola avenida principal torcendo logo cara a Santa María e a Avenida de Alxeciras, proseguirá polo Puntal e conectará de novo con territorio fenés onde pasará pola Avenida de Conces e o cruzamento da Igrexa, baixando despois pola Avenida das Pías antes de chegar de novo á Avenida do Mar, onde estará colocado o arco de meta. Os avituallamentos líquidos situaranse nos quilómetros 5, 10 e 15 e haberá un cuarto punto para recuperar forzas con alimento sólido e líquido xusto na chegada.Ademais tamén se contará cun equipo de fisioterapeutas de apoio en colaboración coa Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña.

Deste xeito, o XXXII Memorial Adolfo Ros-Volta á ría retorna ao seu trazado orixinal «evitando o paso dos e das atletas por rúas pequenas» que, tal e como comentaba esta mañá Paulino Cartelle, «provocou algunhas protestas» na anterior edición. O delegado ferrolán da Federación Galega de Atletismo explicou que en 2016 a Volta á ría fixo «un percorrido moi laberíntico e por algunhas zonas pouco habitadas e moi afastadas. Os deportistas veñen medirse e se lles cambiamos o percorrido cada ano iso provocaría que acabasen non vindo«. Cartelle aclarou que na presente edición non hai inscritas na proba figuras de renome, pero si grandes promesas do atletismo como o nedense Jonathan Fernández ou o coruñés Diego Ruíz, que este ano subiron ao podio en varias probas.

Sobre o itinerario da carreira, Justo Martínez avanzou que de cara ao 2018 o persoal técnico de Fene, Ferrol, Narón e Neda traballará para definir un trazado fixo que acade os 21,5 Km. e a homologación como media maratón, co obxectivo de que as persoas participantes poidan incorporar a proba ao seu currículum.

Na rolda de prensa tamén se explicou que mentres se desenvolve a carreira absoluta terán lugar na Avenida do Mar, en San Valentín, as probas para menores. A rapazada correrá en distintas categorías dos 17 aos 6 anos e con distancias que van dos 4 quilómetros aos 200 metros dependendo das idades.

Está previsto que a entrega de trofeos se celebre pouco despois das 13.00h. no pavillón da Xunqueira. Haberá galardóns para as tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría, tanto feminina como masculina, así como para os tres primeiros postos masculinos e femininos na clasificación absoluta. Por outra banda tamén recibirán un trofeo de recordo a persoa máis veterana e a máis nova que remate a proba. Para todos e todas as participantes das carreiras de menores haberá un agasallo.

A Técnica municipal de Deportes, Mercedes Justo, recomendou que as persoas inscritas aproveiten a xornada do sábado para retirar os seus dorsais e chips de control no pavillón co obxectivo de «evitar aglomeracións» nos intres previos ao comezo da proba. Así, a retirada poderá efectuarse o sábado das 10 ás 14.30h. e das 16 ás 20.30h., mentres que o domingo o horario de entrega está fixado entre as 8 e as 9 da mañá.

Justo destacou tamén a implicación tanto do Concello como doutras entidades do territorio na organización da proba. «Seremos arredor de 50 persoas só en Fene traballando man a man«, contando nese dispositivo todo o persoal da área de Cultura e Deportes, a práctica totalidade de efectivos da Policía Local, o Club Atletismo Fene, o Club Alfa Charlie, o club BTT Fene e as agrupacións de Protección Civil de Fene, Ares e Mugardos. Todo o circuíto estará controlado e vixiado pola Garda Civil de Tráfico, apoiada en cada municipio polos seus respectivos equipos de policía local e Protección Civil.

Ademais de recoñecer a implicación de todo este dispositivo humano e organizativo, desde a área de Deportes de Fene tamén se quixo agradecer a colaboración de Navantia, de Gadis e de Coca-Cola.

Lea también

Gran brillantez en los actos celebrados por la Armada en Ferrol en honor a su Patrona la Virgen del Carmen

(P. S.-gráficas Galicia Ártabra)-La Armada conmemoró este martes, día 16, la festividad de su Patrona, …