BNG de Ares ven de presentar unha iniciativa para a construción dun centro cívico polivalente, unha infraestrutura demandada históricamente tanto por entidades asociativas, como por parte da veciñanza.
A viabilidade da proposta, así como a xustificación e ubicación foi defendida polo portavoz do BNG no Concello de Ares, Emilio Mesías, nun acto ao que estaban convidadas as agrupacións de música, danza e teatro do Concello, así como diversos colectivos asociativos.
Mesías explicou na presentación que “non se trata para nada dunha iniciativa pechada. É simplemente a consecuencia dunha laboura previa que incluíu o estudo do estado actual da cultura en Ares, así como as propostas sobre as carencias infraestruturais que demandan colectivos e veciñanza. É o último chanzo para presentar a iniciativa ante os diferentes grupos da corporación”.
A iniciativa tivo moi boa acollida por parte dos asistentes, ademáis de considerar óptima a súa ubicación e móstranse esperanzados de que finalmente se poida levar a cabo. “O Fol das Artes” é o nome do proxecto, “tampouco é un nome pechado, nin moito menos, pero reflexa moi ben a filosofía do que precisa Ares. O fol é onde se almacena o ar nunha gaita. Para que haxa son no instrumento é preciso mantelo e renovalo, só así poden saír belas melodías. Esto é a metáfora perfecta do que pretendemos; un espazo onde estén integradas a música, o teatro e a danza, en tódalas súas vertentes, para goce da veciñanza”, manifesta Mesías.
O proxecto presentado inclúe 150 prazas de aparcamento, zona verde, un Skatepark para a mocidade e un edificio con salas e espazos para a música, a danza e o teatro, ademáis dun auditorio e un escenario exterior para as representacións do verán. Na presentación incluiron o audiovisual do proxecto, que penduraron tamén nas redes sociais así como na súa canle de youtube (https://youtu.be/OzVOLUZAvj4)
O BNG pretende que a cantidade que lle corresponde ao Concello de Ares no Plan Único da Deputación 2018, o cal ascende a máis de 440 mil €, haxa unha partida para comezar a traballar no proxecto.