O ano 2003 a cidade de Ferrol, grazas ao traballo levado a cabo pola Fundación Ferrol Metrópoli, integrouse na prestixiosa Ruta Europea do Modernismo, liderada pola cidade de Barcelona, xunto con outras 60 cidades de Europa e América, sendo Ferrol a única cidade galega que formaba parte da devandita Ruta.
Por mor desa integración e debido ao interese da revista “Coup de Fuet”, prestixiosa publicación oficial da devandita Ruta Modernista, en dar a coñecer a notable arquitectura e as manifestacións deste movemento artístico en Ferrol, publiquei na devandita revista varios traballos que me solicitaron expresamente sobre a pegada que deixou o Modernismo na nosa cidade.
Entre outras colaboracións, o ano 2004 remitín aos meus amigos cataláns un traballo que me pediron encol da obra modernista en Ferrol do arquitecto Rodofo Ucha. O artigo solicitado remitino escrito no idioma galego, na compaña da súa tradución feita ao castelán. Meus amigos mediterráneos publicaron o meu artigo en catalán, xunto coa tradución feita ao idioma inglés. En fin, cousas veredes.
Teño que dicir que nada do sucedido me estraña. Como cidadán galego e atlántico que son, persoa de mares e horizontes abertos, veciño de bretóns e irlandeses, de sempre costoume certo traballo entender algunhas reaccións, como a que estou a mencionar, dos meus amigos cataláns, simplemente xente mediterránea, habitantes de mares pechados, veciños de fenicios, gregos e cartagineses, realmente mercaderes e feirantes.
IMPRESIÓNS DUN F.T.V.
Noraboa ao Club de Prensa de Ferrol que nestas datas cumpre 30 anos de traballo na nosa cidade, un salientable feito nun intre de total atonía das entidades culturais ferrolás.
Como escritor exiliado de Ferrol, que escribe en Barcelona, Madrid e toda Galicia coa excepción de Ferrol, mis mellores desexos para que o Club de Prensa, facendo honra a súa denominación “de Ferrol”, integre ao maior número de periodistas da cidade, e que as súas actividades e súas publicacións traten de xeito especial temas ferroláns.
Que non volva a se repetir o que pasou o ano 2011: unha publicación titulada “La ciudad de los periodistas. Ferrol, calles y plazas con historia”, que trataba da vida e obra de máis de vinte escritores que exerceron o xornalismo na nosa cidade, nados ou relacionados con Ferrol, foi editada na capital coruñesa pola Asociación de Prensa de A Coruña. ? Onde se atopaba nese intre o Club de Prensa de Ferrol ?