A corporación local de Narón aprobou por unanimidade no pleno a adhesión do Concello á campaña «En negro, contra as violencias»

A corporación local de Narón aprobou por unanimidade no pleno extraordinario celebrado ás doce da mañá deste mércores a adhesión do Concello ao protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña «En negro, contra as violencias», unha iniciativa que ten entre os seus obxectivos sensibilizar á cidadanía contra as violencias machistas implicando a diversos sectores da sociedade.

O goberno local solicitará a adhesión do Concello de Narón ao protocolo de colaboración para organizar conxuntamente unha campaña de sensibilización nesta área coincidindo co Día Internacional contra a violencia de xénero, o vindeiro 25 de novembro, baixo o lema «En negro, contra as violencias». Así mesmo, desde as arcas locais destinarase unha partida máxima de 1.000 euros para desenvolver esta proposta, na que participan preto dun centenar de concellos galegos, establecementos e axentes sociais e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, administracións estas tres últimas que editarán e distribuirán entre os municipios participantes o material desta campaña.

Modificación de créditos

Os tres grupos do goberno local aprobaron tamén de xeito inicial un expediente de modificación de créditos por un importe de 1.197.062 euros. Do total da partida, 990.849 euros destinaranse a amortizar débeda de xeito anticipado, unha práctica coa que se dará cumprimento á obriga legal de destinar superávit á amortización de débeda. Os 206.213 euros restantes desta partida reservaránse para abonar a taxa polo servizo de recadación derivada da aplicación de ingresos pendentes de aplicación realizados pola Deputación da Coruña.

Así mesmo, na sesión quedaron desestimadas as reclamacións presentadas contra o acordo de aprobación inicial dun expediente de modificación de créditos por un importe de 3.485.224 euros (maioritariamente de remanentes do ano 2.016), dos que 2.840.870 euros se destinarán a diversos investimentos na cidade e o resto da partida a gasto social. O citado expediente queda aprobado definitivamente tras cumprirse os trámites oportunos.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …