Baixo o título de «O custo do circo de TEGA» Eliximos Narón Electores-ENE- remiteu un comunicado no que fai unha dura crítica ao acto do nomeamento da nova alcaldesa.
Nel indícase que «Aínda que pode parecer pronto para criticar os feitos da nova etapa, o certo é que comeza con mal pé pois o que debería de ser un trámite normal na democracia, como é o cambio dun alcalde, convertérono nun circo para encomiar tanto ao alcalde saínte como á nova alcaldesa.
Certamente cos seus cartos poden celebrar o que queiran, como a despedida-benvida que xa fixeron na recente “Festa do río” cos seus afiliados e simpatizantes, pero non é xustificable que se faga co diñeiro público.
O pasado luns día 18 xa tivemos un pleno extraordinario co motivo de aprobar cambios no orzamento e ao finalizar o mesmo puidéronse facer os tramites incluídos no pleno do pasado sábado día 23, pero está visto que sendo un luns laborable o espectáculo ía ser pobre de público, e que mellor que facelo un sábado para encher as páxinas da prensa no fin de semana, cando ten máis lectores.
Outras decisións tamén moi cuestionables fixeron que en todo o acto o alcalde saínte non se apartase do centro da escena e lle desen protagonismo a outros membros da corporación. Todo amañado para que TEGA tivese o dominio do teatro.
A pregunta agora é en que beneficiou aos naroneses o gasto extra de polo menos 6.000 euros que custou o montaxe do circo de TEGA. ¡Mal empezamos!.