O Auditorio de Narón acollerá o vindeiro domingo a representación da obra teatral “Os Carniceiros”

O Auditorio municipal acollerá o vindeiro domingo, día 24, a representación da obra “Os Carniceiros”, incluída no Circuíto galego de Teatro Amador que impulsan O Aturuxo de Melpómene e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, en colaboración co Padroado da Cultura de Narón. A posta en escena, a cargo da compañía Teatrino, dará comezo ás 20.00 horas e a entrada é de balde, debendo recollerse o ticket no Auditorio o propio domingo antes do inicio do espectáculo.

Un hospital de campaña é o escenario principal desta obra, na que tres cirurxáns tratan de salvar aos pacientes que chegan con feridas dunha cruenta e longa guerra. O problema é que non o conseguen e as numerosas mortes no quirófano son un misterio que se encargará de desvelar un dos soldados que protagonizan esta peza teatral.

A obra diríxese a público adulto. Os asistentes terán a oportunidade de participar no sorteo de dúas entradas para un espectáculo programado no Pazo da Cultura de Narón.

O Circuíto Galego de Teatro Amador finalizará o domingo 1 de outubro, coa representación da obra “Ás portas”, da compañía Paso de Valverde. Diríxese a maiores de 12 anos e tamén comezará ás 20.00 horas e será de balde a entrada.

Lea también

O COAG Ferrol inaugura en Ferrol unha exposición dos carteis que Felipe Peña deseñou para as actividades culturais da Escola de Arquitectura da Coruña

Inaugurarase este xoves, ás 19 horas, no Centro Cultural Torrente Ballester e poderase visitar ata …