Ferrolán: Zoon Politikón

Asociación Cultural Ferrolterra Antiga

A Real Academia Galega define asociacionismo como “tendencia á creación de asociacións entre persoas que comparten sentimentos, inquietudes e obxectivos”.
Ferrol é unha cidade dual, e non o dicimos pola tradicional división entre cidade militar e cidade obreira; senón que o dicimos polo tradicional binomio pesimismo e optimismo. Os ferroláns decidimos usualmente “autofustigarnos” por todo o que facemos, e sobre todo, o realizamos facendo comparacións máis que odiosas con calquera punto da Terra que nos cremos que está mellor.

E non sería máis doado coller as rendas do noso futuro e intentar poñer o noso “gran de area” para cambialo? Non estamos dicindo, baixo ningún concepto, que nós como axentes individuais poidamos cambiar Ferrol, pero se entre todos sumamos, poderíase facer un proxecto colectivo que transformara a nosa cidade.

Historicamente na comarca de Ferrol xurdiran grupos de persoas que tomaran a iniciativa para cambiar estas dinámicas ou aqueles aspectos da nosa realidade que non lles satisfacían. Neste senso, podemos destacar a esencia colaborativa que dende xeracións atrás está moi presente na realidade do carácter ferrolán. Poderíamos mentar o temperán movemento obreiro ferrolán, con exemplos coma o Centro Obreiro de Cultura; coa súa sede no mesmo Ferrol e tamén coa filial do Seixo. E xa que falamos do Seixo, mentar esa pioneira institución que era a Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega (a que pertenceu o ilustre pintor Felipe Bello Piñeiro). Moitos son os colectivos e grupos que poderíamos sinalar, pois a pesar dos tempos de represión, onde se perseguiu a xuntanza e asociacionismo, Ferrol nunca chegou a perder de cheo ese anhelo de sociabilización.

Coa Transición e o restablecemento das liberdades, rexurdiría con forza o asociacionismo a tódolos niveis e ámbitos. Novos colectivos irán aparecendo a partires de entón. Se ben, chegados ó final do século pasado, moitos dos grupos que estiveran activos neste período comezan a esmorecer. A falta de renovación dos seus asociados, alén dos cambios na forma de relación ou a individualización do ocio, foron chaves no esgotamento do asociacionismo.

Pódese falar no s. XXI dun renacemento do asociacionismo ferrolán? Nós, dado a xénese de diferentes movementos, colectivos e agrupacións nun espazo breve de tempo, cremos que está xustificado considerar que se deu un rexeneración ou ben unha sucesión dos devanditos grupos. Esta nova vitalidade viría da man dunha ferramenta coma é internet plasmada nas redes sociais, nas que atoparon un excelente instrumento de difusión masiva. Deste xeito cabe sinalar grupos coma: Acción Ferrol (na actualidade sen actividade), Foro Ferrol Vivo, Ferrol On The Move, Xeración, Xente Nova, Fálame de San Sadurniño (unha iniciativa que merece especial mención) ou PAFERR; estes novos grupos procuran facerse un oco na vida  social de Ferrol xunto ás máis veteranas agrupacións coma por exemplo Artábria,
Ateneo Ferrolán, Toxos e Froles, Sociedade Cultural Columba ou a Sociedade Galega de Historia Natural.

O éxito e o bo aproveitamento das novas vías de comunicación verase ligado á capacidade de interacción coa sociedade e a capacidade de atraer o interese da veciñanza.

No contexto destas novas asociacións é onde temos que incluír á Asociación Cultural Ferrolterra Antiga que alén de caracterizarse polo uso destas novas formas de comunicación, destaca pola súa promoción da participación activa cidadán e polo uso do galego coma lingua vehicular. Destaca isto último nunha contorna onde o galego ocupa un lugar secundario no día a día das persoas, sendo isto o característico dunha situación de diglosia. Cando nós iniciamos este proxecto, parecíanos ineludible facelo en galego, pois esta é a lingua na que se escribiron os foros medievais e os avós e as avoas contaron ós seus netos e netas as historias de mouras e tesouros.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …