Un total de trinta e seis equipos xogarán esta fin de semana no “IV Torneo de Fútbol 8 Narón “O Freixo”

Rafael Pazos, Juan Rey, Román Romero e Juan Carlos Vázquez na presentación – Concello de Narón

O Estadio Municipal de Río Seco acollerá esta fin de semana, os días 9 e 10, o “IV Torneo de Fútbol 8 Narón “O Freixo”, un evento que este ano coincide co 25 aniversario da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo”. O edil de Deportes, Román Romero, e o presidente da Sociedade Deportiva Narón “O Freixo”, Juan Rey, presentaron hoxe o evento acompañados por Rafael Pazos, vicepresidente primeiro da entidade e Juan Carlos Vázquez, coordinador das escolas do Narón “O Freixo”. O edil naronés destacou a celebración do vixésimo quinto aniversario da citada sociedade deportiva, “que todos estes anos desempeñou unha labor importantísima no noso concello”, ao tempo que os animou a continuar desenvolvendo a súa labor durante moitos máis anos e os felicitou pola organización deste evento.

En total participarán neste torneo 36 equipos, que xogarán o sábado na categoría Alevín, a partir das 9.00 e ata as 21.00 horas, e o domingo na de Benxamín, de 9.30 a 20.00 horas. Na categoría Alevín xogarán –en campos de herba natural- os clubes Narón “O Freixo” A, B e C, o Real Club Celta, o Real Club Deportivo da Coruña, o Xuventude de Oroso, o Gijón Industrial, o Ural Club de Fútbol, o Cultural Leonesa B, o Racing de Ferrol e o Rápido de Bouzas, entre outros. Na xornada do domingo, na categoría Benxamíns xogarán o Real Club Deportivo, o Club Deportivo Narón, o Narón “O Freixo”, o Real Club Celta, o Rápido de Neda, o Racing de Ferrol e o Club Deportivo As Pontes, ademais doutros equipos.

O coordinador das Escolas do Narón “O Freixo”, Juan Carlos Vázquez, asegurou que neste torneo estarán presentes “as sete ou oito mellores escolas de Galicia” e animou á veciñanza a asistir ao evento, para así “gozar e vivilo no propio campo”. Así mesmo, o vicepresidente primeiro do clube, Rafael Pazos, recalcou que o Narón “O Freixo” «é un referente hoxe en día a nivel deportivo en Galicia” e, sobre o torneo, indicou que “para nós é o mellor de pretemporada a nivel autonómico”.

O presidente do clube naronés, Juan Rey, convidou á cidadanía a acudir a esta cita deportiva esta fin de semana, agradecendo a colaboración do Concello de Narón. O público debe adquirir para poder entrar unha rifa que ten un prezo de 3 euros por persoa, cantidade coa que se sufragarán as merendas e manutención dos integrantes dos equipos que participan no torneo e tamén haberá un espazo habilitado para que poidan comer as persoas que acudan como público sen desprazarse das instalacións, donde se servirán menús “a prezos populares”.

A maiores do apartado deportivo, os organizadores anunciaron que na xornada do sábado, ao remate dos partidos, terá lugar a celebración do “fin de festa”, concretamente tralo acto de entrega de premios. O speaker pontés Xalo Maira, será o encargado de amenizar a xornada, coa que se conmemorarán os 25 anos de historia da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo”.

Finalmente, o concelleiro naronés destacou tamén o compromiso do goberno local coa citada entidade, valorando o traballo que realiza e anunciando a próxima construción dun campo de fútbol 11 anexo ao estadio de Río Seco.

Lea también

Pablo López quinto en la Supercopa de España de Judo Sénior de Marín

Este pasado fin de semana se disputó en Marín la Supercopa de España de Judo …