Valdoviño abre este luns a inscrición na XVIII Andada a San Andrés de Teixido

O Concello de Valdoviño organiza un ano máis a Andada a San Andrés de Teixido. Será a XVIII edición e celebrarase o sábado, 23 de setembro. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, 11 de setembro, e os interesados deben dirixirse á Casa da Cultura para retirar a documentación –máximo 5 por persoa- en horario de 9 a 13 horas. O prazo remata o 19 de setembro, e hai límite de prazas. Iranse formalizando por orde de inscrición e farase unha lista de reserva cos interesados que ficasen sen praza.

A inscrición quedará formalizada cando se presente o recibo de pagamento da cota e demais documentación na Casa da Cultura. Esa cota será de 12 ou 10 euros segundo o participante use ou non o autocar de volta para Valdoviño. E, dende o Concello, sinálase que unha vez formalizada a inscrición non se devolverá o importe, así como que se a persoa se dá de baixa non poderá transferir a súa inscrición a outra. Ademais, os menores de idade deberán presentar autorización dos pais ou titores, tendo que participar acompañados dun adulto.

A Andada comezará ás 8 horas no aparcadoiro ubicado fronte á Casa Joselito. Será o punto de partida da camiñada, duns 28 quilómetros. Percorrerase o Camiño Histórico ata San Andrés, onde os participantes poderán disfrutar do xantar. A excursión inclúe tamén unha visita á Capela da Fame e avituallamento.

O regreso está previsto para as 18,30 horas e recoméndase levar roupa cómoda e calzado adaptado.

Para solventar dúbidas, o Concello pon a disposición dos interesados os teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …