A Concellería de Mocidade e a Asociación Cultural Gaikai organizan a primeira edición de “PokeNarón”, un evento que se desenvolverá nas instalacións da Casa da Mocidade o vindeiro 10 de setembro. A edil responsable da área de Mocidade, Natalia Hermida, presentou esta mañá a convocatoria acompañada por Juan Barcón e Yaiza Caride, vicepresidente e secretaria, respectivamente, de Gaikai.
O evento terá lugar en horario de mañá e de tarde, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e consistirá en torneos de cartas por grupos e de xogos de consolas 2DS e 3DS, todos vencellados coa marca Pokémon. Ao longo do día tamén se poderá xogar en retroconsolas con xogos antigos que se proxectarán nunha pantalla de gran tamaño e participar en obradoiros de manualidades, tal e como indicaron desde a organización. “O obxectivo de PokeNarón é atraer á mocidade naronesa á Casa da Mocidade, na Gándara, donde a Asociación Cultural Gaikai ten un espazo desde o que organizará varias actividades as fins de semana”, apuntou Barcón.
As persoas interesadas en anotarse poden facelo a través do Facebook da Asociación Gaikai –https://www.facebook.com/AsociacionGaikai/-, donde recibirán información sobre as normas do evento e os horarios. O prezo de inscrición nos torneos de cartas (TCG) e de videoxogos (VGC) é de tres euros para cada un deles, se ben no caso de participar nos dous o prezo é de cinco euros, tal e como indicou Yaiza Caride. Ao final do día entregaranse unha serie de agasallos aos gañadores.
O Concello de Narón asinou este ano un convenio coa Asociación Cultural Gaikai –de ocio alternativo asiático- en virtude do cal os representantes da entidade poden facer uso das instalacións da Casa da Mocidade, co fin de dinamizar a programación e a oferta de actividades dirixidas aos mozos e mozas.
Os representantes de Gaikai agradeceron a colaboración do Concello de Narón para poder organizar este evento na localidade, amosando a súa confianza en que teña continuidade o vindeiro ano.
Pola súa banda, a concelleira de Formación, Natalia Hermida, subliñou a importancia de establecer este tipo de colaboracións “co ánimo de que a Casa da Mocidade sexa un punto de encontro e de referencia para as mozas e os mozos de Narón e doutras localidades da comarca”. Así mesmo, Hermida animou á veciñanza a anotarse nesta convocatoria e tamén a acudir á mesma para presenciar as diversas actividades organizadas.