O campionato galego de tríatlon tivo cor ferrolá desde o inicio con Melina Alonso saíndo nun trío cabeceiro do pantalán rumbo á primeira transición da que, sendo a máis áxil, conseguiu xa iniciar o ciclismo en primeira posición. Unha vez máis, a táctica da canteirá do Triatlón Ferrol foi escaparse en solitario na bici, cun pelotón perseguidor no que rodaba Camila Alonso ao que deixou a un minuto ao remate dos 20 km. A pé, foi mediado o segmento definitivo cando Joselyn Brea adiantou a Melina, quen xestionou o seu colchón de segundos para cruzar a meta como subcampioa galega. Por detrás, con malas sensacións desde a auga aínda que na concentración de Sierra Nevada semellaban desaparecidas, Camila Alonso non cedeu o terceiro chanzo do podio.
Por equipos, o conxunto feminino non puido puntuar pola baixa por enfermidade de Emma Romeo, non así na categoría masculina onde o Triatlón Ferrol conseguiu un sétimo posto nun campionato galego de nivel internacional.
O mellor entre os homes foi unha vez máis Marcos Ruiz. Como oitavo do campionato galego absoluto, colgouse tamén a medalla de ouro junior, compartindo podio con Iván Puentes, bronce na súa categoría.