Susana Seivane será unha dos participantes este sábado no tradicional festival do Río Belelle, en Neda

O Festival do Río Belelle, en Neda, chegará a súa décima edición o próximo sábado cun ambicioso programa no que hai desde actividades tradicionais ata actuacións musicais de máximo nivel, tal e como explicou Jacobo Bermúdez Torrente, representante da Asociación Cultural e Etnográfica A Fervenza do Belelle, promotora da celebración coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Neda.

A festa, que terá lugar nun campeiro a carón do río, dará comezo ás 13.30 horas coa actuación do grupo “Os Campantes da Baña”. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, as actividades estarán centradas na celebración de xogos tradicionais, tanto infantís como de adultos. Estes últimos terán que competir nunha carreira de sacos en grupo, lazamento de fardos de palla e tiro de corda.

Despois das nove da noite, a música será a auténtica protagonista dunha reunión que tamén se caracteriza pola comida campestre na que se dan cita grupos de amigos e de veciños da zona e mesmo tamén da comarca. Susana Seivane e os grupos “Quenindiole”, “Andarivel”, “Retumbatuke”, “Liviao de Marrao” e “Sokram” son as actuacións que compoñen o programa musical co que a organización quere celebrar os dez anos de vixencia dunha cita moi popular en toda a contorna. O orzamento é de uns 17.000 euros, cartos que se reuniron coa venda de rifas e a celebración de comidas puntuais ao longo de todo o ano.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …