O Padroado da Cultura programou cinco espectáculos dirixidos ao público familiar e infantil para os meses de setembro a novembro

O Pazo da Cultura de Narón acollerá entre os meses de setembro e novembro deste ano catro dos cinco espectáculos dirixidos ao público familiar e infantil programados desde o Padroado da Cultura. Musicais, monicreques e teatro completan a programación anunciada hai uns días desde o citado ente municipal, do que é vicepresidenta a edil Marián Ferreiro. As entradas para as diferentes propostas culturais que se desenvolverán no Pazo ou no Auditorio municipal de aquí a finais de ano están xa á venda na billeteira do Pazo da Cultura.

A primeira das citas será La Bella y la Bestia, o vindeiro 16 de setembro a partir das 17.00 horas no Pazo. Trátase da adaptación en teatro musical dunha obra protagonizada por Bela, unha moza que vive nunha pequena aldea co seu pai e que soña cun mundo de aventuras ata que todo cambia ao encarcelar ao seu pai nun castelo, donde ela mesma vivirá unha tempada e experimentará numerosas vivencias. As entradas teñen un prezo de 12 euros en venda anticipada e 15 o día do espectáculo.

No mes de outubro terá lugar o espectáculo Contacreques, de marcado carácter poético, a partir dun texto de Ricardo Combi e baseado nunha serie de contos clásicos. Trátase dunha proposta áxil coa que o público –especialmente os nenos e nenas de 3 a 7 anos- gozará de principio a fin. Neste caso a cita será o 15 de outubro no Auditorio municipal a partir das 18.00 horas e o prezo das entradas é de 7,50 euros para o público xeral e de 5,25 para as tarifas reducidas e menores de 14 anos.

En novembro terán lugar as tres propostas restantes. O día 5 ás 18.00 horas representarase no Pazo da Cultura a obra Lúa. Unha nena con este mesmo nome decide comprobar en primeira persoa os motivos polos que hai tanto ruído na Terra e que preocupan ás estrelas. Unha obra na que se aborda o tema das relacións entre as persoas e que permite, a través dos ollos dunha nena, experimentar en primeira persoa a vida dos adultos. A segunda proposta para o mes de novembro é Caperucita, lo que nunca se contó. O día 19, ás 18.00 horas representarase no Pazo este recoñecido conto, orixinariamente popular e que se transmitiu de xeración en xeración. Nesta ocasión contarase a historia ao público a modo de comedia de enredos. E a terceira proposta para o público infantil é o espectáculo da banda Mamá Cabra “A festa continúa”, o 26 de novembro tamén no Pazo da Cultura, a partir das 18.00 horas. Un elenco formado por catro actores e cinco músicos protagonizará este espectáculo, no que se interpretará un completo repertorio de cancións deste grupo, con catorce traballos publicados. Os prezos das entradas destes tres últimos espectáculos é de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e de 5,50 para os menores de 14 anos.

Desde o Padroado da Cultura de Narón apostouse unha vez máis por deseñar unha programación na que a música, o baile e o teatro centrarán os espectáculos pensados para o público familiar e infantil. Unha serie de propostas coas que ofrecer ás veciñas e aos veciños de Narón e doutros concellos unha alternativa de ocio coa que coñecer a labor que desenvolven agrupacións teatrais e musicais cun amplo percorrido no panorama cultural galego e tamén a nivel nacional.

Lea también

Cerca de medio centenar de jóvenes de Ferrolterra inscritos en el certamen «O Talentiño»

Una vez cerradas las inscripciones del certamen «O Talentiño», se ha registrado una abrumadora participación de …