O lago das Pontes acolle mañá sábado, 8 de xullo, a primeira proba do Circuíto de Travesías a nado ENKI Pro, unha serie de probas deportivas inclusivas aberta a todos os públicos que combina natación e obstáculos e que ten como obxectivo recadar fondos para promover o acceso ao deporte de nenos e nenas con diversidade funcional, así como axudar ao entrenamento de deportistas con discapacidade.
Baixo o lema “Os soños entrénanse”, as probas disputaranse este verán nos concellos de As Pontes, Laxe (29 de xullo), A Pobra do Caramiñal (15 de agosto) e Arteixo (9 de setembro). Cada travesía desenvolverase no marco dunha xornada de ocio, con deportes e xogos de integración destinados a toda a familia.
Unha aposta pola integración
A Deputación colabora co Proxecto ENKI na organización deste evento deportivo, como “unha aposta pola integración das persoas con diversidade funcional a través do deporte”, segundo destacou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.
As probas contarán coa participación de Ángel López, nadador profesional que sofre dunha tetraplexia dende o ano 2003 a causa dun accidente de tráfico, o que non lle impediu seguir practicando natación e ser subcampión de España en 150 metros estilos en dúas ocasións.
Ángel foi elixido como protagonista da campaña #TeReto pola súa condición de deportista de alto nivel e non por ser un atleta con diversidade funcional. Fiel ao espíritu de ENKI, que busca levar a integración ao seu máximo expoñente tratando de igual a igual a todas as persoas que disfrutan da práctica do deporte, o presidente da entidade invitou ao público a participar xunto a él neste esixente pero divertido circuíto de travesías a nado con obstáculos.
A Travesías ENKI de As Pontes contará con catro categorías: Pezqueñines ( que se desennvolverá na orilla), Kids ( 300 metros e 7 obstáculos), Travesía Pro curta (1.150 metros e 10 obstáculos) e Travesía Pro (2.000 metros e 15 obstáculos). Haberá regalos para todos os participantes e premios para os tres primeiros de cada categoría (masculina e feminina). Ademais, os que máis puntos acumulen ao completar as catro travesías resultarán tamén vencedores do Circuíto Open de ENKI Pro.
Todos os fondos recadados con este circuíto provincial de travesías se destinarán ao Club ENKI para a promoción do deporte entre as persoas con diversidade funcional, especialmente entre os máis pequenos.
Xogos pola integración
En paralelo á celebración da Travesías ENKI Pro, desenvolveranse durante toda a xornada unha serie de xogos abertos a todos os públicos que permiten reproducir a experiencia que vive un deportista con diversidade funcional cando entrena ou participa nunha proba deportiva.
Tenis e atletismo en cadeira de rodas, fútbol a cegas, handbikes, goalball e outros deportes adaptados poderán ser xogados nun espazo de máis de 100 metros cadrados aberto á participación do público, co que se pretende dar a coñecer cómo é práctica do deporte para unha persoa con diversidade funcional.