Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, prepárase para dar o seu
pistoletazo de saída. Este proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Acción Local do
Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra -coordinador do proxecto-, Golfo Ártabro Norte, Costa
da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda,
nace para alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos
territorios dos GALP participantes.
Vilagarcía, Miño, Vimianzo, Malpica, Muros, Baiona, Vilaboa e Pontevedra son as localidades que
acollen, a partir deste martes, día, 4 e ata o mércores 19 de xullo, oito encontros abertos aos cales
están convidadas a asistir confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais,
ambientais e persoas que a título individual que queiran implicarse no proxecto.
En Miño
Este mércores inícianse as reunións na localidade de Miño e terán lugar na casa do Pescador , ao lado do Cuartel da Garda Civil.
Rúa do Curro, 33. Ás 11.30 horas haberá un encontro institucuional e as 18,30 h. un encontro social.
O obxectivo principal destes encontros é dar coñecer o proxecto e conseguir a adhesión de
entidades, asociacións e persoas que traballen a prol da igualdade, que pertenzan ao sector
pesqueiro, patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do
emprendemento e a innovación. A participación activa da cidadanía será fundamental para
desenvolver Candieira. Ademais, nos encontros constituirase un grupo motor por cada territorio
dos GALP que se encargará de dinamizar e guiar o proceso e favorecer a incorporación de novos
axentes.
Obradoiros maker
Entre setembro deste ano e abril de 2018 programaranse “laboratorios” ou obradoiros prácticos
de impulso ás iniciativas que nazan e medren ao abeiro de Candieira. Estes espazos de creación
alentarán a posta en marcha de proxectos baixo unha perspectiva maker (aprender a través da
experiencia). A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse
na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que
se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa entre elas.
A web candieira.net irá recollendo toda a información relativa ao proceso ao longo dos próximos
meses, ao tempo que funcionará como repositorio de documentación e de ideas e como canle de
comunicación principal de Candieira.
A previsión é que en maio de 2018 esta rede de apoio e de traballo compartido das mulleres da
costa galega estea consolidada e que se manteña ao longo do tempo.
Presentación oficial
O pasado 6 de xuño tiña lugar a presentación oficial do proxecto, que contou coa presenza e apoio
da conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Marín.
Este exercicio de cooperación laboral entre os 56 municipios costeiros que conforman os seis GALP
participantes, e que van desde A Guarda ata Narón, conta cunha axuda da Consellería do Mar, no
marco da convocatoria deste ano, destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e
transnacionais dos GALP.