O Concello de Cabanas colgou o cartel de completo nos programas municipais Concilia Verán e Campamentos Deportivos para esta primeira quincena de xullo. Todas as prazas cubríronse este ano. 30 en ambos casos. O alcalde, Germán Castrillón, desprazábase esta mañá á praia da Madalena para saudar a rapaces e monitores e destacaba que a programación municipal busca un dobre obxectivo: ofrecer actividades de ocio didáctico para os máis novos e favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos seus proxenitores.
Para iso, ambos programas arrancaban onte. A ludoteca de Concilia Verán prolongarase ata o 8 de setembro, uns días antes de comezar as clases do novo curso. Cada mañá, de 9 a 14,30 horas, e para nenas e nenos nados entre os anos 2005 e 2013. Entre as propostas, celebraranse xogos populares e alternativos; teatro con iniciación a técnicas de expresión corporal e dramatización, contacontos, ritmo, baile, e obradoiros de manualidades e aula de natureza e reciclaxe para traballar a psicomotricidade e a creatividade, así como o respecto polo medio. Só queda unha praza libre para o mes de agosto e algunha máis para a primeira semana de setembro. Para reservalas? Na casa consistorial.
Así mesmo, os Campamentos Deportivos desenvolveranse entre os meses de xullo e agosto, para nenos e nenas a partir dos 7 anos, e cunha serie de actividades como xogos acuáticos, baloncesto, bádminton, voleibol, hockey, béisbol ou fútbol. Na segunda quincena de xullo e na primeira de agosto quedan cinco prazas libres, namentras que na segunda de agosto hai once vacantes. Os interesados poden anotarse na casa consistorial.
Todas as actividades celébranse na praia da Madalena e nas diferentes instalacións deportivas municipais.