( Do correspondente de GA, Xosé Cheda)-O goberno de Cedeira volveu este xoves a reiterar aos responsables da Demarcación de Costas en Galicia “o seu desacordo” con calquera obra que se realice na praia da Madalena sen contar cun proxecto construtivo e o seu correspondente estudio de impacto ambiental, exceptuando aquelas que se fagan por motivos de seguridade.
O executivo local entende que a intervención que se está a levar a cabo no areal “vai máis aló” do endereitamento da empalizada de madeira e está a xerar novos movementos de area na praia, polo que só fai que “evidenciar o despropósito co que actúa a Demarcación de Costas, responsable de todos os ‘desaguisados’ que se levan cometido na praia desde hai máis de 20 anos”.
O goberno menciona os acordos no seu día asumidos polos responsables da Demarcación de Costas cos membros da Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira -na que o Concello tamén está representado- que ían nunha dirección totalmente oposta aos feitos que agora se están a dar no areal. Entre eles, o compromiso de quedar á espera da aprobación dos orzamentos do Estado para apostar pola recuperación integral da praia da localidade. Nesta mesma xuntanza o alcalde, Pablo Moreda Gil, manifestoulle ao xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, a súa predisposición para viaxar a Madrid e falar cos responsables do Ministerio de Medio Ambiente co fin de explicarlles a gravísima problemática na que se encontra o areal da Madalena e para solicitarlles a máxima urxencia posible á hora de dotar económicamente a partida para facer o proxecto construtivo, co seu correspondente estudio de impacto ambiental, para poñer en valor o citado espazo costeiro. O ofrecemento, tal e como recorda o alcalde, foi moi ben acollido por Eimil, “quedando pendente por parte deste a cita no Ministerio”.