O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os portavoces municipais do PSOE, Catalina García, e do BNG, Pablo Villamar reuníronse no Concello con Mari Morado, presidenta da Asociación Diversidade Funcional de Ferrol e comarcas, e José Díaz e Alberto Iglesias, tesoureiro e técnico de xestión, respectivamente, da citada entidade. No transcurso da xuntanza os representantes da asociación presentaron aos políticos locais un estudo de accesibilidade para adecuar varios pasos de peóns localizados en diferentes barrios do termo municipal e ubicados en estradas de titularidade das administracións estatal, autonómica, provincial e local.
Os integrantes da Asociación Diversidade Funcional de Ferrol e comarcas valoraron a receptividade do goberno local ás propostas plantexadas e amosaron a súa confianza en que as administracións implicadas acometan as súas peticións. “Tamén lles presentamos outro estudo no que se recollen unha serie de medidas para adaptar as prazas de estacionamento reservadas para persoas con discapacidade, habilitando máis espazo nos laterais e na parte traseira”, apuntou Mari Morado.
O alcalde naronés reafirmoulles aos representantes da asociación o compromiso do goberno local de continuar traballando en materia de accesibilidade en diferentes áreas, tal e como se vén facendo nos últimos anos, nos que se rexistraron numerosos avances. O Concello destinará novamente este ano parte do orzamento municipal á adecuación de instalacións en edificios públicos e tamén mellora de accesibilidade en beirarrúas e noutros espazos da cidade, unhas intervencións que, tal e como recalcou o rexedor local, “continuarán acometéndose co fin de suprimir barreiras arquitectónicas existentes na localidade, avanzando así cara ao obxectivo de ter unha cidade cen por cento accesible para os diferentes colectivos”.