Novo desprezo a Ferrol. O esquecemento de Carballo Calero

Juan J. Burgoa-TIRANDO A DAR

Desde o ano 1963, cando se cumpriu o centenario da publicación de “Cantares Gallegos”, o 17 de Maio celébrase o Día das Letras Galegas, o primeiro deles dedicado a Rosalía de Castro. Nas 54 edicións celebradas ningún escritor/ra da Terra e Mar de Ferrol atinxiu este galardón. Hoxe temos que lamentar o novo esquecemento do ferrolán Ricardo Carballo Calero, a pesares dos seus recoñecidos merecementos, desta rolda preterido pola escritora cacereña María Victoria Moreno.

Alumno en Ferrol de Manuel Comellas, Carballo Calero foi membro da Real Academia Gallega e do Instituto Padre Sarmiento, e profesor da Universidade de Santiago, sendo o seu primeiro catedrático de Lingua e Literatura o ano 1965. A súa ampla obra literaria inclúe poesía, ensaio, crítica literaria, teatro e narración, colaborando en publicacións como a emblemática revista Nos.

No eido da narrativa, a súa obra “A gente da Barreira” foi a primeira novela publicada en galego despois da Guerra Civil. Máis tarde publicou “Scorpio”, onde percorre o difícil tempo histórico que lle tocou vivir. A súa abondosa obra poética aparece recompilada en catro volumes: “Pretérito imperfeito”, “Futuro condicional” “Cantigas de amigo” e “Reticencias”. A súa monumental ¨Historia da Literatura Galega Contemporánea” é imprescindible para o coñecemento da literatura galega. Qué máis tiña que facer Carballo Calero para obter este galardón ?.

Busto Carballo Calero, en Santiago-Fot. Xosema

Nos anos finais da súa vida espertaron unha grande polémica as súas teorías sobre a reintegración lingüística galego-portuguesa, en colisión coa normativa oficial da lingua galega, mantendo unha postura discutible, pero lexítima. Porén, Ricardo Carballo, home integrador e xeneroso, estivo sempre por riba dos polemistas dun e doutro signo.

Carballo Calero non foi quen de ser nomeado para o galardón das Letras Galegas, nin con Xosé Ramón Barreiro nin con Méndez Ferrín ao fronte da Real Academia Galega. Chegado á presidencia da Academia, o incoherente Alonso Montero, por outra banda tan amigo de visitar a certos persoeiros desta Cidade Ensimesmada, negoulle o pan e a sal ao escritor ferrolán, labor no que continúa o seu sicario relevo Víctor Freixanes, que segue sen explicaren as razóns deste sectario desprezo.

Desta rolda queremos falar deses caladiños seareiros ferroláns de Carballo Calero, que soamente falan de mercar as ruínas da súa casa natal e esquecen reclamar o seu Legado exiliado en Santiago. Neste intre cúmprense 20 anos que se depositou na biblioteca do Parlamento de Galicia o arquivo e biblioteca persoal de Ricardo Carballo: case 5000 volumes, 200 cabeceiras de revistas e un amplo arquivo gráfico, todo iso fóra da súa cidade natal. Ou sexa, o mesmo que pasou co Legado de Torrente Ballester.

Dabondo temos con todo o devandito. Deixo para outros o triste xuízo que merece o vergoñento trato do Concello de Ferrol á memoria de Ignacio Echevarría.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …