O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Festas, Mar Gómez, presentaron esta mañá acompañados por Xaime López, da empresa Urdime; Carlos Mosquera, do grupo TinoProyecttio e Óscar Fojo, do grupo Blah! o programa “Verde que te quero verde”, impulsado conxuntamente coa Concellería de Cultura, dirixida por Marián Ferreiro. Esta proposta une o ocio e a cultura nunha serie de espectáculos dirixidos ao público familiar e que se desenvolverán os catro domingos de xullo, sempre a partir das 12.30 horas, en parques do municipio. O alcalde destacou o feito de que con esta iniciativa se aposta por “dar a coñecer diferentes zonas verdes e prazas do municipio que de seguro algúns veciños e veciñas que non son do barrio descoñecen, e a maiores gozar de espectáculos para todos os públicos que inclúen cada domingo unha actividade infantil e outra para adultos”.
A edil de Festas, Mar Gómez explicou en qué consistirá a programación. A primeira das convocatorias será o 2 de xullo, na Praza Irmáns Freire, en Xuvia, donde terán lugar os espectáculos de Xoán Curiel, un dos actuais valores da música galega infantil que fai concertos didácticos e espectáculos infantís e que interpretará en Narón temas do seu terceiro disco, Estamos no verán, e de Najla Shami, cantora e compositora con temas influenciados por diversos estilos, como o jazz, o funk e word music. O vindeiro espectáculo programado será o 9 de xullo no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto, con Magín Blanco e TinoProyecttio como protagonistas. Magín Blanco entreterá ao público cos seus animados temas dirixidos aos nenos e nenas, cun contacontos musicado co que estimulará a súa creatividade e curiosidade polas letras, a lingua e a música. Pola súa banda, TinoProyecttio é unha proposta de Carlos Mosquera e José Ocampo, na que se misturan diversos estilos musicais e con versións en galego, castelán e inglés dos Beatles, Miguel Ríos, Bowie, Elvis, etc.
O día 16 de xullo a programación terá lugar na Rúa Campoamor, na Gándara, donde estarán Inacio Vilariño e Telón Abierto. O primeiro dos espectáculos, Bou Catrineta está dirixido ao público familiar, e é de narración oral, coa Tía Lola como fío condutor. Trátase dunha sesión moi participativa na que se misturan refráns, cancións, contos populares, saberes tradicionais e o romance histórico da Nao Catrineta para contar unha historia na que o demo sairá escaldado. Tamén nesta xornada Telón abierto terá un espazo especial na programación. O grupo, creado para incentivar o movemento artístico na Universidad Ciego de Ávila (Cuba), tamén afonda nas tradicións autóctonas de diferentes comunidades. As súas actuacións abarcan danzas tradicionais, campesiñas e populares, nas que predominan as raíces hispánicas, africanas e franco haitianas.
Por último, o domingo 23 de xullo na Rúa Francisco Pizarro, en Santa Icía, o público poderá gozar dos últimos dous espectáculos do programa “Verde que te quero verde”. As aventuras de Mamá Cabra con Gloria Mosquera, encherán de música a xornada, contando unha serie de historias máxicas acompañada por un equipo que animará aos menores e ás súas familias. E será tamén a música a protagonista do último espectáculo, a cargo de Blah!, misturando diferentes estilos para crear un propio cargado de personalidade. Blah! é a continuación natural de El Viejo Caracol, con coidadas letras nas súas cancións e con varios discos publicados desde o ano 2009.
Ao convocarse ao mediodía, esta programación deseñouse tamén pensando na consolidación das tradicionais sesións vermú características dos festexos tradicionais das cidades galegas. É por iso que os maiores poderán degustar durante este tempo unha pequena proba de vermú, por cortesía da empresa Petroni (galego), sempre facendo un uso responsable do consumo, tal e como se recalcou desde a organización, e tamén haberá augas para os menores.
“Trátase de tomar as rúas no verán e os espazos públicos máis alonxados dos espazos tradicionais para este tipo de espectáculos, promocionándoos entre a cidadanía”, explicou o alcalde, que xunto coa edil de Festas animou á veciñanza a participar nestas sesións de ocio e cultura programadas na cidade.
Ya copiamos a Ferrol, Suso lo tienes que estar haciendo muy bien para que estos t copien