Os xardíns municipais serán escenario este domingo do primeiro mercado local do verán. De novo poderemos atopar a moi bo prezo alimentos frescos e elaborados, produtos de artesanía e centos de curiosidades, desde roupa ata ferrallada antiga, pasando por libros, discos e outros obxectos de segunda man. O departamento de Desenvolvemento local pechou este mércores ás 14.30h. o prazo para a inscrición de postos tras recoller un total de 64 solicitudes. Coincidindo coa cita feiral, o Concello tamén organizou unha nova edición da ruta cicloturística en familia, que sairá ás 11.00h. de diante do colexio público. As inscricións poden facerse ata uns minutos antes da saída. Por outra banda, e aproveitando que falamos da programación da fin de semana, tamén cómpre lembrar que o sábado ás 17.30h. se celebrará na Casa da Cultura a clausura das escolas municipais de música, coas actuacións das masas corais de Lamas e San Sadurniño e dos grupos tradicionais de gaita e pandeireta.
O mercado arrancará sobre as 10 da mañá, aínda que o movemento xa se notará desde dúas horas antes coa chegada de expositores ao recinto segundo a orde de instalación asignada polo Concello. Agárdase que para esta primeira cita feiral do verán se xunten os 64 postos apuntados. Unha cifra que pode variar á baixa se o día vén de auga, aínda que as distintas previsións meteorolóxicas -pouco fiables con tanto tempo de adianto- indican que teremos unha xornada de verán en toda regra, cun ceo totalmente despexado e unha temperatura superior aos 25 graos.
O evento manterá a distribución de sempre ao redor dos sendeiros do parque situado detrás da casa consistorial. Na metade oeste situaranse os postos de froitos da terra, produtos frescos e alimentos transformados, dos que se recibiron 10 solicitudes, ademais dun viveiro de comercialización de planta e flor. A parte central resérvase para a artesanía -22 postos-, que continuará polo sendeiro situado ao leste dos xardíns mesturándose coa oferta de segunda man, sumando en conxunto 31 expositores.
O mercado local de San Sadurniño naceu co obxectivo favorecer a comercialización dos produtos de calidade da comarca, na liña de que o maior valor engadido quede nas explotacións. Un obxectivo ao que sempre se lle arrimou a posibilidade de vender unha infinidade de artigos manufacturados -coiro, manualidades, roupa, cerámica, etc.- e tamén obxectos antigos/vellos, na procura de recuperar o espírito e o cometido socieconómico das feiras de toda a vida.
Por outra banda, o mercado tamén se concibe como un atractivo turístico máis que faga de gancho para coñecer o territorio gozando da paisaxe, dos recursos patrimoniais e da excelente atención da hostalaría local.
Ruta ciclista
Ademais do mercado local, na mañá do domingo tamén temos a última proposta do Xuño deportivo organizado polo Concello. Neste caso trátase da ruta ciclista en familia que sairá do patio do colexio público sobre as 11.00h. para percorrer 13 quilómetros doados para calquera que saiba andar na bici, xa que discorren na súa maior parte por terreo chan.
A ruta está aberta a persoas maiores de 7 anos e as inscricións poden facerse por adiantado -na Casa da Cultura e no correo agustin.perez@sansadurnino.gal- ou ben minutos antes da saída. Ademais da bici é obrigatorio o uso de casco.
O itinerario planificado pola área de Deportes en colaboración co club MTB Biela e Chaveta prevé chegar até a capela da O, en Pedroso, onde haberá un punto de avituallamento. Desde alí volverase para San Sadurniño seguindo pistas e con ciclistas do club na cabeza e na parte final do grupo co obxectivo de marcar un ritmo suave. Pechará o pelotón o furgón municipal por se se producise algunha incidencia.
Clausura das escolas culturais
O sábado pola tarde, a iso das 17.30h., teremos na Casa da Cultura o peche de curso das escolas municipais de música vocal, de pandeireta e de gaita. Abrirán as masas corais de Lamas e San Sadurniño, agrupadas desde o ano pasado nun mesmo conxunto de homes e mulleres que farán un repaso do cancioneiro popular galego.
Ao seu remate subirán ao escenario a Rapazada do Saíme, formación integrada polos dous grupos de nenas e nenos que asisten ás clases de pandeireta con Carmen Pedreira. Canda eles e elas tamén poderemos ver ás actuais compoñentes das Cantareiras do Saíme, do que forman parte persoas adultas. Neste caso tamén ofrecerán un pequeno mostrario do repertorio tradicional que, nalgunhas pezas, irá acompañado das gaitas do curso que se impartiu este ano en Naraío baixo as ordes dos mestres Antón Varela e Marcos García.
Serán as gaitas, precisamente, quen actúen no último momento da tarde. Case con total seguridade despedirán a temporada lectiva con algunha peza cantada á que se sumarán os tres grupos de pandeireta. A entrada nos concertos é gratuíta e libre até completar o aforo da sala.
Na temporada que agora se pecha asistiron ás escolas municipais de música un total de 45 persoas, das que case a metade -22- foron as nenas e nenos de pandeireta.