Ferrol baila na rúa

Suso Basterrechea e Copy Villaamil na rolda de prensa – Concello de Ferrol

Ferrol Baila, e bailará a vindeira fin de semana coa II edición de Vai de Baile, o festival de Danza Urbana que, como novidade, se estende de Ferrol a Neda, dentro do programa Danza en Rede, financiado polo Agadic.

Vai de Baile volta con esta segunda edición, que promete herdar o éxito que xa tivo a primeira. Arranca o 30 de xuño, na rúa Real de Neda e móvese ao centro de Ferrol os días 1 e 2 de xullo, ocupando distintos espazos urbanos non habituais nos circuítos culturais pero emblemáticos e senlleiros nunha nova aproximación da cultura as rúas na liña do programa deseñado desde a Concellería de Cultura para este mes de xuño, na liña de II Fóra do Mapa e EsteNaRúa.

A presentación, este mediodía no Concello, contou coa participación do concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, e de Copy Villaamil, técnica de Cultura do Concello de Neda. Neste segundo asalto do VdeB, expuxeron, apostase polo poder danza para transformar a nosa percepción cotiá do espazo público.

O feito dancístico, sacado do seu contexto habitual e trasladado aos nosos espazos de convivencia, fai que nunca máis volvamos a ver ese lugar do mesmo xeito. A pegada do movemento na nosa retina vainos acompañar sempre”, explica Roberto Taboada, coordinador do ciclo.

Este segundo asalto”, manifestou Basterrechea, “afonda na visibilización da muller traballadora e artista, nunha disciplina ben sacrificada, xa que todas as propostas son creadas e interpretadas polas súas propias coreógrafas (aínda que hai unha pequena concesión nos dous dúos que se presentan, onde eles tamén están presentes). A presenza feminina tamén está na imaxe do cartaz, na fotógrafa – Malena Carballo- que foi quen de captar ese momento tan elocuente, na composición dos materias gráficos – Paula García-, na asistencia de produción –Cristina Montero- e ata no voluntariado.

Unha edición netamente feminina, que vai a ocupar con movemento lugares coma Amboaxe, o Cantón, a Praza de Ferrol Vello, os xardíns do Centro Torrente Ballester e tamén espazos non escénicos coma a sala Carlos III de Exponav ou o inédito espazo do museo da Costa de Mella. Ademais de feminino é unha edición marcada pola ferrolanidade, xa que recupera e presenta a dúas coreógrafas que teñen uns lazos moi estreitos con Ferrol: Irene Vázquez e Ana Endorzain. Atraemos a Ferrol a dúas galegas que están a desenvolver o seu traballo noutros lugares da Europa: Janet Novás e Begoña Cuquejo.

Por outra banda, a II edición de Vai de Baile conta, en estrea absoluta, coas as pezas de dúas creadoras galegas: Nuria Sotelo e María Move e non deixamos de ollar ao outro lado do Atlántico, presentando dous traballos, un dende Costa Rica e o outro é o gañador do premio do festival “SóloDos” de Costa Rica, que achega a unha compañía de México.

Finalmente, coma unha especie de continuidade de programación, unha vez rematada a segunda edición de Vídeo Clips A Esgalla, comezamos o VdeB coa estrea dunha peza audiovisual –Cadencia- de Virginia Rota, sobre o traballo de corpo de Janet Novás.

Vai de Baile é socio fundador da rede de festivais de danza en espazos urbanos de Galicia CompliCIDADES, da que forman parte catro festivais, un de cada provincia galega: Corpo(a)terra de Ourense; Quincegotas de A Coruña e Cartografías en movemento de Lugo.

Lea también

Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar …