O pavillón da Xunqueira e a piscina municipal de Centieiras acolleron a pasada fin de semana a exhibición das escolas deportivas e a festa acuática das escolas da piscina municipal. Dúas xornadas que combinaron xogo e deporte e que serviron para amosar o aprendido polo alumnado das escolas deportivas municipais ao longo do curso 2016/17.
Segundo informan dende a Concellería de Deportes, ámbalas dúas festas rexistraron unha elevada participación, tanto por parte do alumnado das escolas como por parte de familiares e amigos que acudiron en calidade de espectadores.
Neste curso 2016/17 a matrícula nas escolas deportivas municipais do Concello de Fene ascendeu a 1260 persoas.
As actividades do pavillón da Xunqueira e da piscina de Centieiras rematarán o vindeiro 30 de xuño, Nas demais instalacións, as escolas finalizarán xa este venres, 23 de xuño.