A compañía Pentación Espectáculos traerá esta fin de semana, o sábado día 17, ao Pazo da Cultura de Narón o espectáculo El padre. As persoas interesadas en ver esta obra, con Héctor Alterio, Ana Labordeta, Luis Rallo, Miguel Hermoso, Zaira Montes e María González entre o elenco, poden adquirir as últimas entradas dispoñibles na billeteira do Pazo ou a través da páxina: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 20 euros para o público xeral e de 14 para abonados, menores de 14 anos e desempregados. A cita dará comezo ás 20.00 horas e prolongarase durante hora e media.
El padre, obra escrita polo dramaturgo francés Florian Zeller e adaptada por José Carlos Plaza, é unha traxicomedia contemporánea na que se aborda o tema da perda da realidade a causa da vellez. Os protagonistas da obra sitúan ao espectador na perspectiva dunha mente confusa, ou confundida polos intereses dos que os rodean, polo que xurdirán as dúbidas sobre se o que acontece é o que conta a familia ou o que di o pai, Andrés, un enxeñeiro de 80 anos enfermo de alzhéimer, nos seus momentos de lucidez. O drama e a comedia compaxínanse a partes iguais neste espectáculo, donde o público gozará da obra desde o inicio da representación, pero tamén terá tempo para reflexionar e, incluso, poñerse por momentos na pel de Andrés, personaxe que encarna Héctor Alterio.
O espectáculo foi un dos éxitos teatrais máis destacados en Francia, donde obtivo o tres premios Molière e representouse despois en varios países do mundo.