O salón de plenos de Fene acolleu esta tarde o acto de entrega dos premios do X Concurso de Tapas organizado polo Concello entre o 5 e o 28 de maio coa participación de 20 establecementos hostaleiros. Entregáronse oito premios, catro elixidos pola votación popular e catro seleccionados polo xurado. Así, as estrelas gastronómicas desta edición foron o «Niguiri socarrat» presentado polo Aturuxo -gañador no apartado creativo tanto para o público como para o xurado-, a «Tortilla francesa rechea de xamón e queixo (ao revés)» do Vichelocrego na categoría de tapa popular tradicional e a «Tenreira á mostaza» presentada a concurso pola cafetería Bombay, que quedou campioa da tapa tradicional valorada polo xurado.
Iso en canto aos campionatos, xa que no concurso tamén se incluiu un subcampionato por cada categoría. No de tapa popular creativa o segundo posto foi para o «Boliño» elaborado polo café bar Diosiño; en tapa popular tradicional o subcampionato levouno o «Braseado de carrilleiras» cociñado no café bar Pachamama: a tapa creativa subcampioa -denominada «Mar e Terra»- elaborouna o café bar A Ponte e, por último, Vichelocrego tamén conseguiu o subcampionato en tapa tradicional coa súa versión dunha francesa rechea de xamón e queixo.
O alcalde, Juventino Trigo, destacou na presentación do acto «o alto grao de coincidencia» entre o veredicto do xurado profesional e o das votacións dun público que este ano se implicou aínda máis no concurso. O rexedor deu algunhas cifras: completáronse 304 Fenerrutas -a folla cos selos da meirande parte dos establecementos participantes- que, segundo Trigo «supoñen un incremento de máis dun 50% con respecto ao ano pasado«. Ademais tamén se recolleron 11.100 tarxetas -en 2016 foron 10.335- depositadas pola clientela nas urnas distribuidas polos locais. Tarxetas entre as que esta tarde se sortearon varios lotes de agasallos e tres premios principais: unha viaxe, unha escapada rural e seis meses de ximnasio.
Trigo referiuse tamén ao funcionamento da aplicación móbil estreada este ano para seguir o concurso. «Atopamos que houbo 6.418 visitas para ver as tapas e 590 para ver os locais que estaban participando, é dicir, máis de 7.000 visitas para ver como era o concurso de tapas«. Números todos eles que reflicten «a magnífica acollida» do certame xunto coa súa consolidación «como dinamizador da hostalaría«. Juventino Trigo agradeceulle a súa colaboración tanto ás firmas patrocinadoras como ao xurado, formado por Luísa Barro, xerenta da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e comarca, polo restaurador Xan Carlos López e pola cociñeira María Jesús Corral.
No acto celebrado este luns ás 18.00h. tamén participaron a técnica de Desenvolvemento local, Belén Souto, e os membros da corporación Gumersindo Galego, Joaquín Ayala, Mariela Aguilar, Alejandra Permuy, Mari Carmen Martínez e Ana María Novo, que se encargaron da entrega dos premios e diplomas do concurso.