O tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- aprobou o orzamento municipal de 2017 tras desestimarse as alegacións presentadas ao mesmo no pleno extraordinario que, con carácter de urxencia, se celebrou na maña do venres no Concello. Todos os grupos políticos da corporación local excepto ENE –que presentou alegacións- votaron a favor de ratificar a urxencia do pleno para, a continuación, proceder a desestimalas cos votos en contra do tripartito naronés, do concelleiro de EU e a abstención dos cinco edís do Partido Popular, se ben o portavoz de ENE votou en contra.
Á aprobación plenaria do documento seguiralle a súa publicación, a principios da vindeira semana, no Boletín Oficial da Provincia, e a partir do día seguinte da súa publicación entrará en vigor o novo orzamento municipal, que ascende este ano a 29,9 millóns de euros.
O alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, presidiu a convocatoria, e aclarou, con respecto á urxencia, que as alegacións e a documentación pertinente estiveron a disposición dos partidos desde os días 24 e 26 do pasado mes de maio. A sesión convocouse de xeito extraordinario e urxente para dar resposta inmediata á contratación do servizo de axuda no fogar, cuxos trámites están paralizados ata que entre en vigor o novo documento. Así mesmo, unha vez aprobado definitivamente pódese proceder á contratación de obras proxectadas desde a administración local, e á concesión de subvencións a entidades e asociacións de diferentes ámbitos.
Desde o goberno local de Narón incidiuse ademais en que os orzamentos se retrasaron debido a que determinadas partidas dependen de administracións supramunicipais –Goberno Central e Xunta de Galicia- e a demora na tramitación e aprobación destes últimos repercutiu negativamente nos avances realizados desde o Concello para aprobar inicialmente o documento contable de 2017.
Os orzamentos municipais aprobáronse de xeito inicial o pasado 27 de maio, nun pleno ordinario e no período de exposición pública presentaron alegacións ao documento Eliximos Narón Electores (ENE) e Manuel Rodríguez.