O Concello de Fene prevé investir 107.000 euros na zona das Chancas

As Chancas – Concello de Fene

Entre os proxectos presentados polo Concello ao POS+ provincial figura a mellora do camiño do Cádavo ás Chancas, na parte baixa da parroquia de Perlío. En realidade as actuacións programadas son tres, unha no tramo final da rúa Río Cádavo -onde recentemente se fixo unha reparación provisional-, outra na rúa Baixa e a terceira na propia rúa das Chancas. Nelas prevese substituír o firme parcheado durante anos por un novo de aglomerado. Porén, antes diso executarase unha completa renovación das canalizacións soterradas, tanto da subministración da auga como do saneamento. O importe total das obras está cuantificado en algo máis de 107.000 euros.

Tal e como informa o alcalde, Juventino Trigo, o groso das obras é precisamente ese, o da substitución de toda a infraestrutura hidráulica xa que do que se trata é de «facer as cousas con sentidiño, saneando todo o que hai debaixo para despois aglomerar«.

Así, ao longo de case 300 metros -desde río Cádavo até a rúa das Chancas pasando pola rúa Baixa- levantarase todo o firme para sacar as tubaxes de fibrocemento do abastecemento de auga. Un sistema de condución «de hai moitísimos anos«, moi propenso a romper e que, case con total seguridade, tampouco soportaría as obras de reparación superficiais.

«Non fariamos nada aglomerando a pista agora para que en canto pasasen as apisonadoras empezasen a romper as tuberías. Cada dous meses estariamos levantando o firme para facer reparacións«, explica Juventino Trigo. Esa tamén foi a razón tamén de que hai unhas semanas se asfaltase con carácter provisional a parte final da rúa Río Cádavo, á espera de que se execute este proxecto «máis ambicioso» para a zona.

Xunto coa instalación dunha nova rede de abastecemento, a obra tamén ten previsto soterrar un novo entramado de sumidorios que separe as augas fecais das pluviais co obxectivo de mellorar nesa parte de Perlío o sistema de saneamento. O ramo ás obras poráselle cunha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico que deixe as tres rúas «listas para moito tempo«.

O proxecto incluiuse no Plan Único de Concellos POS+ dentro do denominado Plan Complementario, que se nutrirá dos remanentes saídos das baixas económicas xeradas nos procesos de contratación doutras obras municipais financiadas tamén polo plan provincial. Tanto este como os outros proxectos deseñados para este ano serán aprobados no pleno extraordinario da Deputación deste xoves.

A mellora e adecuación do camiño do Cádavo ás Chancas está cifrada en 107.148€ e o Concello agarda que as obras poidan estar rematadas entre finais deste ano e comezos do que vén.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …