San Sadurniño reúnese coa Xunta para buscarlle unha saída á situación do castelo de Naraío

O alcalde de San Sadurniño e mailo responsable da área de Turismo reuníronse o venres na Coruña co delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, para falaren de proxectos nos que a administración autonómica se podería implicar, pero tamén para lembrarlle cuestións ás que a Xunta se comprometera no seu día pero que aínda están pendentes de sacar adiante, como o saneamento en Piñeiros ou a devolución do castelo de Naraío en condicións de ser visitable, logo das obras de consolidación da fortaleza que se desenvolveron entre 2007 e 2011. Esta última é unha demanda recorrente que se lle expuxo a última vez á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nun encontro semellante celebrado en abril de 2015.

Na xuntanza Secundino García e Manolo Varela volveron insistir na necesidade de poñer en valor a fortaleza do século XIV catalogada como Ben de Interese Cultural e na que se investiron 463.000 euros en dúas fases. Unha cantidade importante de recursos públicos cun resultado final oculto hoxe pola maleza.

Desde o remate das obras en 2011 o castelo quedou nun limbo legal en que nin se continuou o traballo iniciado nin tampouco se lle volveu a titulariedade ao Concello. A crise detivo en seco os investimentos e provocou que o proxecto non se rematase como estaba previsto, é dicir, deixando a zona limpa, libre de andamiaxes e coa torre e o resto do castelo en condicións de ser visitados con total seguridade.

De acordo co proxecto, a proposta que fixo o Concello en 2015 foi a de que a Xunta rozase o contorno, o sinalizase e colocase varandas de protección antes de que as obras volvesen a mans municipais. Porén, a intención do Concello era que a Xunta continuase vinculada á difusión e conservación do espazo a través de pequenas actuacións, concibidas como campos de traballo arqueolóxicos destinados a estudantes que permitan afondar no coñecemento do castelo e tamén ofrecerlle un atractivo máis ao turismo.

No encontro de hai dous anos, a Xunta comprometérase a preparar un plan de traballo nesta liña para presentarllo ao Concello e que fosen as dúas administracións quen o levasen adiante. E aí quedou a cousa. Recordar ese compromiso e ver a maneira de desbloquear a situación de abandono na que se encontra o castelo foi un dos motivos da reunión con Ovidio Rodeiro, delegado autonómico na Coruña desde finais do ano pasado. Tal e como sinala o alcalde, Secundino García, o delegado «mostrou interese e disposición para impulsar a posta en valor do castelo. É algo que nos parece moi positivo e agardamos que se materialice nun compromiso oficial polo que non haxa que agardar outros dous anos«.

Saneamento en Piñeiros e impacto da VAP na condución de auga

En relación coa conservación do patrimonio, na xuntanza co delegado tamén se falou da urxencia de acometer obras de reparación no tellado do convento do Rosario, que ameaza con caer en varios puntos. A opción que baralla o Concello é a de sacar adiante os traballos implicando no finanzamento á Diocese Mondoñedo-Ferrol, ao Ministerio do Interior e á Xunta.

Por outra banda, Secundino García e Manolo Varela puxeron ao tanto ao delegado provincial doutro compromiso autonómico, relativo á construción por parte de Augas de Galicia dunha infraestrutura de saneamento na zona de Piñeiros. Unha obra «moi necesaria» que, segundo García, «acumula 9 anos de retraso«.

O alcalde lembra que as obras foran acordadas en 2008 coa Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de ampliar a rede de sumidoiros a esta zona e conectala coa EDAR de Cornide. A rede daríalle servizo, ademais, a varias vivendas próximas do concello de Narón, que tamén formulou a mesma demanda.

Por último, o encontro do venres na Coruña con Ovidio Rodeiro Tato tamén serviu para abordar a xeito de recordatorio de que maneira lle afectará o trazado da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte ao abastecemento de auga municipal, nomeadamente á estación de bombeo da Pernuda da que se bota man para complementar os mananciais do Albeiro e do Camiño Arriba. O Concello teme que os movementos de terra por mor das obras provoquen nese punto problemas de turbidez na auga e por iso se lle pide á Xunta que o teña en conta e que haxa prevista unha solución xa antes de empezar a traballar.

En relación co abastecemento, o goberno local sinalou que as obras da VAP -que discorre paralela ao rego do Aceiteiro- poderían aproveitarse para mellorar a traída principal de San Sadurniño. O proxecto deseñado polo Concello -e entregado á Xunta en 2011- contempla renovar o sistema de condución afectado polas obras, así como facer unha nova captación preto do Camiño Arriba e traela pola beira da nova vía até a estación potabilizadora. A auga baixaría por gravidade, co que sería posible eliminar o sistema de bombeo da Pernuda.

Secundino García e Manolo Varela cualificaron o encontro con Ovidio Rodeiro como «moi cordial» e manifestaron a súa confianza en que a xuntanza sirva «para sacar adiante cuestións fundamentais para San Sadurniño«.

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …