Bombiglobo estrea este sábado «De camiño á realidade» na Casa da Cultura de San Sadurniño

Instante da representación – Concello de San Sadurniño

O alumnado de 5º de primaria do CPI de San Sadurniño volve participar este ano no proxecto educativo LÓVA, co que se pretende converter a ópera nun vehículo de aprendizaxe de valores. A rapazada puxo en marcha a compañía Bombiglobo traballou duro nos últimos meses para poñer a punto a peza «De camiño á realidade» na que, unha vez máis, se abordan temas como a amizade, a igualdade e a integración. Este venres estreárona para a comunidade educativa e mañá sábado, ás 18.00h. farán o propio para os pais e nais na Casa da Cultura.

O obxectivo desta iniciativa de ámbito estatal é que a rapazada cree, produza e represente unha obra musical. Para iso traballan por si ao longo do ano en todos os aspectos propios dunha produción deste tipo, incluso na procura de finanzamento coa colaboración de casas comerciais -Vivergal e a libraría Brétema- e coa venda de manualidades.

A escenografía, a música, o libreto, a interpretación, a dirección, as relacións públicas, a documentación… todo é traballo e responsabilidade dos nenos e nenas baixo a mirada atenta dun profesorado que só intervén para orientar e axudar a resolver problemas. A compañía Bombiglobo tamén buscou consello en profesionais de distintos ámbitos da escena e da música, como Bucanero, Nacho Iglesias, Roberto Grandal ou Marcela Mastroianni.

A obra “De camiño á realidade” ten como tema principal a aceptación social, abordando a tese de que a empatía é un valor fundamental para a relación das persoas. Trala exitosa estrea deste venres dirixida a outros cursos do centro de ensino, as nenas e nenos de Bombiglobo terán mañá como espectadoras ás súas familias. A peza representarase ás 18.00h. na Casa da Cultura con convite previo. O resto do público deberá agardar ao 20 de xuño ás 19.00h., data e hora en que «De camiño á realidade» encherá as butacas do Teatro Jofre de Ferrol.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …