Concello e Cabanas KDM propoñen descubrir o municipio a través de rutas en kaiak, sendeirismo, combinadas ou pádel board

Un ano máis Concello e Club Cabanas KDM reeditan a súa aposta polo programa Cabanas Ocio Activo . Un programa que permite descubrir ou reencontrarse coas paraxes máis fermosas da localidade, centrándose especialmente nas Fragas do Eume. E facelo a través de rutas en kaiak, rutas de sendeirismo ou, por medio da proposta estrela: a modalidade combinada. E, como gran novidade neste verán, as rutas de pádel board.

Non hai límites de idade para facelas. De forma individual, en familia ou en compañía de amigos e, o único requisito, é saber nadar no caso de optar polas rutas en kaiak. Horarios e datas prográmanse a demanda de quen o solicita, co cal non hai excusa para non sumarse a esta novidosa proposta.

As rutas en kaiak que propón Cabanas Ocio Activo permiten que cualquer persoa, dende a máis experimentada ata a máis novata, poida deseñar a súa particular aventura dun xeito seguro. Transcorren polo río Eume e a ría de Ares e, durante o traxecto, os participantes van acompañados de embarcacións de apoio e os consellos constantes dos diferentes monitores.

As rutas de sendeirismo están guiadas por monitores experimentados que, xunto aos participantes, trazan previamente traxectos personalizados a gusto e condicións físicas dos usuarios. Camiñatas para descubrir un dos espazos de maior beleza e valor histórico como son as Fragas do Eume.

E, sumando unha e outra, as rutas combinadas. Experiencias únicas en pleno contacto coa natureza.

Embarcarse nesta particular aventura é tan sinxelo como chamar aos teléfonos 604 027 841 ou tramitar a solicitude a través dos correos cabanaskdm@gmail.com ou cultura@cabanas.gal.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …