O local social da Solaina de Narón vaise engalanar de botes, pinceis, cores e, sobre todo, nenas e nenos que forman parte da Asociación de Pais de Nenos con Minusvalías (Aspanemi) con ganas de compartir unha tarde artística e de diversión.
O sábado, 3 de xuño, en horario de 17 a 20 horas, desenvolverase o obradoiro mensual de pintura de Aspanemi, unha actividade que serve para potenciar as capacidades artísticas das nenas e nenos que van participar neste obradoiro realizando mosaicos e figuras de papiroflexia.
Ademais, durante esta tarde os participantes compartirán unha tarde de lecer que a entidade enmarca dentro do programa Respiro Familiar. Isto quere dicir que, os menores estarán libres dos proxenitores e viceversa, os adultos poderán aproveitar a tarde a outros menesteres diferentes do coidado dos fillos.
Esta actividade non é so para nenas e nenos con discapacidade. Todo o contrario, está aberto aos menores que queiran pasar unha tarde de lecer, xogos, creatividade e moita arte.