A cuarta edición do «IV Desfile Solidario» celebrada o pasado 5 de maio no Pazo da Cultura de Narón foi de novo unha clara mostra da solidaridade dos veciños e veciñas de Narón e comarca. Así o constata o feito de que se entregasen á entrada do citado desfile: 532,8 quilos de alimentos non perecedeiros; 277 litros de leite; 23 litros de aceite e 39 unidades de produtos de aseo e hixiene, tal e como indicou a edil de Acción Social, Catalina García.
A maiores destes donativos, tamén se entregou roupa e calzado, que se levaron para o Centro de Recursos Solidarios de Narón, ubicado nunha das naves do polígono industrial de Río do Pozo. Así mesmo, fixéronse doazóns en metálico nunha conta habilitada para este fin, conseguindo 548,70 euros que se entregaron tamén ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
Fabas, arroz, cacao, conservas (de carne, atún e froitas), galletas, fariña, lentellas, cereais, leite e zumo forman parte dos alimentos entregados pola veciñanza con motivo do «IV Desfile Solidario».
A maiores, o Centro de Recursos Solidarios de Narón recibiu outros 308 quilos de alimentos; 467 litros de leite e 500 de xel doados por persoal de Navantia, nunha campaña que organizou o Comité de Empresa da compañía hai unhas semanas.
A concelleira de Acción Social agradeceu de novo a colaboración prestada polos veciños e as veciñas da cidade e da comarca “porque entre todas e todos podemos axudar a esas familias que peor o están pasando nestes momentos e que teñen que acudir ao Centro de Recursos para cubrir as súas necesidades básicas de alimentación e tamén solicitar roupa ou material de hixiene”. Catalina García incidiu en que “afortunadamente, grazas a estas novas doazóns podemos axudarase desde o Centro de Recursos de Narón a esas familias máis desfavorecidas tanto do noso concello como doutros da comarca”.