O Concello de Valdoviño vén de abrir a inscrición na segunda edición da carreira Volta ás Forcadas a través da plataforma www.prueba-t.es, do email xan.suarez@prueba-t.es ou do teléfono: 652 214 833. Unha cita deportiva incluída no calendario do 2º Circuito CORRE POLO NORTE que promove o Concello de Valdoviño xunto ós municipios veciños de Ortigueira, Cedeira, Cariño, Cerdido, Mañón, San Sadurniño e Moeche. Todos eles, cun obxectivo común: crear e fomentar un hábito de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo, ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de ocio. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí estas carreiras, onde o importante non son os resultados, senón a participación.
A II Volta ás Forcadas celebrarase o 11 de xuño, a partir das 11 horas e punto de partida en Loira. Permitirá aos participantes descubrir un entorno natural único como é o encoro das Forcadas, considerado xa o segundo mar do municipio.
Nela poderán participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías: Pitufos (2010 e posteriores); Benxamín (2008-2009); Alevín (2006-2007); Infantil (2004-2005), Cadete (2000-2003), Sénior (1983-1999), Veteranos A (1966-1982) e Veteranos B (1965 e anteriores). Así mesmo, a modo de andaina está aberta a todas as idades.
A participación dos menores é gratuíta e, a cuota para as categorías sénior e veteranos, é de catro euros.