Ferrol, dúas desfeitas e un funeral

O Foro de Amigos de Ferrol quere salientar as desfeitas que están levando a cabo por diferentes institucións na nosa cidade.

                                          —-ooooOoooo—-

A desfeita da Feira de Mostras (FIMO)

É vergonzoso o que está a pasar coa Feira Internacional de Mostras do Noroeste (FIMO), e as súas instalacións, situadas nun lugar privilexiado de Ferrol como é a enseada da Malata. Un recinto duns 50.000 metros cadrados entre superficie cuberta e descuberta, que dispón de dous amplos auditorios, cinco pavillóns principais, varios locais e oficinas, cafetería e restaurante, piscina e instalacións deportivas, ademáis do Edificio de Usos Múltiples e un amplo aparcamento. Trátase dun axeitado lugar para a celebración de exposicións comerciais, empresariais, deportivas, culturais e de lecer.

Na chamada Feira de Mostras, nacida en xaneiro de 1959, decana das existentes en Galicia e que tivo categoría internacional, tempo atrás celebráronse importantes certames sobre o sector naval, a empresa, o automóbil, a alimentación e diversas actividades de turismo e ocio, ademais de concertos e actuacións musicais. Tras recibir múltiples subvencións e ter unha pouco clarificada xestión pola parte dos seus responsables, hoxe arrastra a súa decadencia, sen ningunha clase de actividade, coas instalacións practicamente sen uso, en mal estado e con problemas de mantemento.

As instalacións da Feira de Mostras pasaron a ser propiedade do Concello de Ferrol desde o pasado ano 2015, sen que se coñeza que exista un mínimo Plan de Usos e Xestión das mesmas. Varias son as propostas de entidades e asociacións de Ferrol. Apuntamos unha notable iniciativa da Sociedad Artística Ferrolana: un Museo de Pintura que mostre os importantes fondos artísticos de pintores ferrolás que garda e ten en propiedade a inoperante Deputación Provincial da Coruña.

Dese xeito, ante a manifesta ignorancia do Concello de Ferrol, que se amosa incapaz de crear un Museo da Cidade, polo menos os cidadáns poderían contemplar as obras dos pintores ferroláns exiliados na Coruña.

A desfeita da Residencia de Canido

No barrio de Canido, ao comezo da rúa Alegre, levántase este amplo e descoidado edificio, antiga Residencia de Suboficiales do Exército de Terra, unha obra do máis puro e ortodoxo estilo racionalista, construída nos anos 1934/35. Neste intre o edificio presenta un estado lamentable, atópase valado e leva xa un ano pendente de ser reparado. Trátase dunha desaproveitada propiedade do Ministerio de Defensa, coa única utilidade neste intre de usarse como sede da entidade asistencial Aspaneps.

Antigua residencia de suboficiales de Canido. Defensa pedía 1.000.000 de euros, aunque parece que ahora puede rebajar esa cifra.

O edificio podería ser una magnífica Residencia de Maiores, tanto pola súa situación como pola súa amplitude e axeitada disposición interior. Aquí ten o Conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, que tanto vén de viaxe a Ferrol, unha boa ocasión de facer algo importante polo súa cidade natal.

O funeral pola Praza de Armas

Ou cecais, podemos chamala crónica dunha desfeita anunciada. Despois de esnaquizar o que era a Praza de España, desta volta tócalle a quenda das reformas á praza de Armas. Preténdese levar a cabo polo Concello de Ferrol un proxecto que leva o incoherente lema de “Lugar de todas” (iso de que vai ?; quizais “Lugar de todas as ocorrencias” ?), que non aporta nada á cidade e ademais esquece as opinións das asociacións de veciños e de comerciantes, que viven e traballan no barrio da Magdalena. O peor é a estúpida chapuza de colocar un chan de terra areosa nunha praza de acusada pendente, situada nunha cidade de alta pluviosidade.

Quizais non sexa o mellor momento para derrubar o fachendoso edificio apirulado do Concello, pero desde logo se tiña que facer unha praza axeitada para nenos e maiores, e respectar o necesario aparcamento subterráneo, deixando a entrada e saída do mesmo polas rúas da Terra e Rubalcava que arrodean a praza, e deste xeito poder facer peonil o correspondente tramo da rúa Real.

Visto o nome (Praça Porta Nova, no idioma portugués) que lle acaban de poñer á escangallada Praza de España, cando esbandallen a Praza de Armas, lembrando que nos séculos XVIII e XIX era o mercado da leña, cumpre que as chicas e chicos do Concello lle poñan o novo nome de Praça da Lenha (en portugués, por suposto).

Pola transcrición, Juan J. Burgoa, coordinador do Foro de Amigos de Ferrol

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …

Un comentario

  1. Perfecto Vilela

    Con todos mis respetos, y sin quitar parte de razón a algunas de las propuestas aquí expuestas, lo de la residencia de mayores en Canido me parece un «falar por falar». Primero, porque es una propiedad de Defensa que no está previsto desafectar. Y segundo, porque aunque mañana mismo la cedieran a título gratuito, habría que ver si los interiores permiten adaptar el edificio a las normas urbanísticas y de accesibilidad para residencias de mayores, porque a lo mejor nos encontramos (muy probablemente) con que las puertas no tienen el ancho mínimo, con que los pasillos no cumplen con la normativa, con que no hay salidas de emergencia sufientes, etc, etc. Por no hablar de que sería un centro carente de zona verde y de esparcimiento.