O alcalde de Fene, Juventino Trigo, asinou esta mañá na Coruña o convenio da Rede Cultural da Deputación, a través do que se programarán 13 espectáculos ata finais de ano. Son actuacións musicais e teatrais que a área de Cultura acomodou, principalmente, no Sons Diversos e nas actuacións co gallo do Día da Patria, no Novembro mes do Humor e na programación infantil de Nadal. O importe ascende a cerca de 20.000 euros dos que o Concello deberá asumir a metade. Por outra banda, Fene tamén contará este ano coa programación da AGADIC e de Turismo no marco de «Cultura no Camiño«, que traerá outros cinco espectáculos de música e escénicas. Neste caso o importe total é de algo máis de 5.000 euros que o Concello tamén terá que sufragar ao 50%.
As primeiras actuacións da Rede Cultural programáronse nos actos de celebración do Día da Patria Galega que terán lugar na Praza do Concello. O 11 de xullo ás 22.00h. teremos o espectáculo de maxia Hocus Pocus, o día 13 ás 22.30h. subirán ao escenario o Trío Siboney e o 15 de xullo sobre as 22.00h. será a vez de Roi Casal con “Son galego-son cubano”.
Por outra banda, a área de Cultura tamén optou por adscribir á Rede tres dos catro monólogos previstos para o Novembro, mes do humor. Este ano pasarán polo Museo do Humor Celso Sanmartín -3 de novembro-, David Noya -día 10-, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei con “Falar sen cancelas” -o 17 de novembro- e, por último, Pepe Capelán o día 24 de novembro. Agás o de Sanmartín -que vén por conta do Concello- o resto de monólogos finanzaranse a medias coa Deputación.
Á hora de deseñar a programación anual, o persoal técnico de Cultura tamén recorreu ao catálogo da Rede Cultural para cubrir parte da programación do Nadal. Así, a Casa da Cultura acollerá o 26 de decembro o “Mundo máxico” de Pedro Bugarín, o 27 o espectáculo científico “Voute contar” de Peripecious, o 28 de decembro os “Brincacontos” de Andaravía Teatro e o día 29 o “Alén-chuquiño” de Paso de Valverde Teatro. Na mesma época pero fóra da oferta exclusivamente infantil, a igrexa de Sillobre tamén será escenario da actuación de Concerto Tempo o día 22 de decembro.
Á parte dos ciclos o Concello tamén solicitou da Rede Cultural da Deputación da Coruña o obradoiro de xogos tradicionais e populares O Paporrubio -10 de outubro na Casa da Cultura- e a actividade de percusión para crianzas Percubebés, que se desenvolverá o 17 de outubro na Biblioteca Municipal.
5.000€ do Cultura no Camiño
Canda á Rede Cultural, o Concello tamén se acolleu ao programa autonómico Cultura no Camiño, impulsado pola AGADIC e Turismo de Galicia. Trátase dunha liña destinada ao cofinanzamento de espectáculos nos municipios polos que pasa o Camiño de Santiago. Fene incluiu na súa solicitude o ciclo Sons Diversos que se desenvolverá os venres ás 20.00h. na Casa da Cultura ata a primeira quincena do mes xuño.
O ciclo comeza este venres 19 con Ludus Tonallis e as súas “Voces riseiras, músicas arredor do mundo”. O venres seguinte, o 26, actuarán Las Lollipops e o 2 de xuño tocaralle a Amparo Arias e Roger de Flor. O Sons Diversos rematará o día 9 con Sofía Espiñeira Trío.
En Fene o Cultura no Camiño ten un orzamento de 5.213€ e, igual que ocorre coa Rede Cultural, o Concello deberá asumir o 50% dos custes.