Río Seco e Sinde escenarios da fase provincial Coruña-Lugo de fútbol prebenxamín

Antonio López, Juan Rey, Román Romero, Pablo Prieto e Manolo Mesa durante a presentación – Concello de Narón

Os campos de fútbol do Val e Río Seco acollerán o sábado, día 20, o Campionato galego prebenxamín da fase provincial Coruña-Lugo. En total xogarán dezaséis equipos, e os gañadores en cada un dos campos representarán ás provincias de A Coruña e Lugo nos campionatos galegos. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado polo directivo e o representante en Ferrolterra da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto e Manuel Mesa, respectivamente, e polo presidente da Sociedade Deportiva Narón-O Freixo, Juan José Rey, e o da Sociedade Deportiva O Val, Antonio López.

Entre os oito equipos que xogarán en Río Seco están o Narón-O Freixo; a S.D. O Pino; o C.D. Calasanz; o Rayo Sadense; o Victoria C.F; o Santiago de Compostela C.F.; o R.C. Villalbés e o SP. Burgo. Nos campos de fútbol do Val xogarán os outros oito clubes: O CD. Lugo “B”; o EF. Silleda; o X. Oroso, o EF. Ferrol; a UC. Cee; a AT. Ribeira; o Estrada FC. e o Ural CF. Os partidos disputaranse en dous campos, desde as 10.00 horas ata as 14.30, e pola tarde de 17.00 a 19.15 serán as fases de consolación, as semifinais e as finais e final de consolación, para a continuación proceder á entrega de trofeos.

Os dous equipos gañadores deste campionato enfrontaranse aos que gañen os provinciais que se disputarán con equipos de Ourense e Pontevedra.

A Federación Galega de Fútbol organizou este campionato en colaboración co Concello de Narón e cos clubes deportivos Narón-O Freixo e O Val. Manuel Mesa, en nome da delegación da Federación Galega de Fútbol asegurou estar “tremendamente orgullosos dos clubes desta delegación porque cada vez que chamamos á súa porta temos a súa colaboración”.

Pola súa parte, o presidente da Sociedade Deportiva O Val, Antonio López, agradeceu a confianza depositada pola Federación para disputar este evento no municipio e ao igual que o representante da Sociedade Deportiva Narón-O Freixo, Juan José Rey, valorou o respaldo do Concello naronés.

O edil de Deportes, Román Romero, convidou aos afeccionados ao fútbol a que se animen a acudir a esta cita deportiva, destacando tamén o traballo da Federación Galega de Fútbol e dos dous clubes da cidade que colaboraron na organización.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …