A Deputación inicia a construción das sendas peonís de Silvalonga e Santa Mariña

Instante das obras – Concello de San Sadurniño

A empresa Leonardo Miguélez S.L. comezou xa os traballos de construción das dúas sendas peonís que a Deputación da Coruña licitou a finais do ano pasado en San Sadurniño. Trátase dunha infraestrutura en dous tramos da que se beneficiará parte de Silvalonga e e o eixo principal de Santa Mariña, sumando en total 1.090 metros de novas beiravías. A construción destas infraestruturas responde a peticións veciñais que o Concello xa lle trasladara á Deputación en forma de proxecto hai cinco anos e que agora se levan a cabo a través do programa provincial de sendas peonís.

A obra contratouse en 125.150,30 € e está proxectada en dous tramos: o primeiro, de 230 metros, discorrerá pola marxe esquerda da DP-7603 no núcleo de Silvalonga, mentres que o segundo, de 860 metros, arrancará no lugar da Pena e seguirá polo lado dereito e sen interrupción ata ben pasado o lugar da Golpilleira, en Santa Mariña do Monte.

En ambos casos deseñouse unha beiravía de 2 metros de ancho en terreos que a Deputación xa tiña expropiados de cando se ampliara a estrada. As obras levarán aparelladas, ademais, a canalización de pluviais, tubaxes de drenaxe, nova sinalización e, nalgúns tramos, tamén varandas metálicas e nova sinalización.

As sendas peonís para Silvalonga e Santa Mariña son dúas aspiracións municipais que veñen de tempo atrás. Por iren paralelas a unha vía provincial xa en 2012 o goberno local lle presentara o proxecto á Deputación sen que se acadase ningún compromiso de execución, malia tratarse dunha reivindicación veciñal reiterada nas asembleas dos orzamentos participativos.

Hai ano e medio, en novembro de 2015, o Concello aproveitou a visita do actual responsable provincial de Infraestruturas viarias, José Manuel Pequeño, para volver tratar a cuestión destas dúas obras que, finalmente, se concretaron no contrato adxudicado o pasado mes de decembro.

Lea también

Valdoviño apuesta por la promoción de los productores locales en los grandes eventos deportivo

El evento proporcionará un espacio de exposición común para la comercialización y difusión de productos …