O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo entrega dunha furgoneta que a institución provincial adquiriu para o Club de Remo de Ares.
Durante o acto de entrega, que tivo lugar esta mañá na sede da Deputación, Formoso destacou “a longa traxectoria“ do club, fundado en 1958, e a súa labor de “promoción dun deporte moi arraigado na comarca ferrolá“.
Pola súa banda, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, e o presidente do Club de Remo de Ares, Germán Sánchez, agradeceron o apoio da Deputación e a cesión do vehículo que axudará á entidade deportiva a manter a súa actividade, que require con frecuencia desprazamentos a competicións nas que é necesario o transporte de material e persoas.
A cesión da furgoneta é o resultado dun convenio asinado no mes de setembro, mediante o cal a institución provincial destinou un total de 25.400 euros para a adquisición do vehículo, co obxectivo de cedelo, durante toda a súa vida útil, para o uso exclusivo do Club de Remo de Ares, que correrá cos gastos de uso, mantemento, reparación e seguros.
O Club de Remo de Ares conta con 250 socios e o ano pasado resultou gañador da Liga Galega de Traíñas. Despois da súa participación no prestixioso Ascenso ACT, a agrupación quedou en segundo posto co que logrou clasificarse para a competición ACT da elite da traíña, na que participa actualmente.