As obras da nova depuradora e rede de colectores de Cabanas empezarán a mediados de mes

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio polo que se formaliza a adxudicación do contrato de obra para a construción dunha nova depuradora e dunha rede de colectores no Concello de Cabanas.

Augas de Galicia adxudicou este contrato de obra hidráulica á empresa Construcións Ramón Vázquez e Reino SL, por un importe de máis de 180.000 euros, que mellorará a capacidade de saneamento de varios núcleos rurais do Concello de Cabanas e cuxas obras comezarán a mediados deste mes de maio.

A finalidade desta actuación é ofrecer un novo servizo de saneamento as vivendas que se sitúan na aldea de Lavandeira. Ademais, realizaranse as obras necesarias para posibilitar a futura conexión á rede de saneamento das vivendas dos lugares de Porcar, Piñeiros, Ameneiros, Horta e Someiro. Para conseguilo, construirase unha nova EDAR que garanta unha depuración suficiente previa a vertedura; e executarase unha rede de colectores para levar as augas residuais a esta nova depuradora. Os traballos darán servizo a máis de 120 habitantes equivalentes.

Este esforzo do Goberno galego súmase aos preto de 1,8 millóns de euros que o departamento autonómico xa ten investido en actuación hidráulicas en Cabanas desde 2009. En concreto, destináronse 1,58 millóns á dotación de abastecemento no polígono industrial de Vilar do Colo, e 200.000 euros para os lugares de Rego e Chao de Aldea.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que este tipo de actuacións son unha mostra da firme aposta do Goberno galego a prol do abastecemento e saneamento, un compromiso que ten dado como resultado unha mellora da calidade das augas en toda Galicia.

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …