O Baloncesto Narón premini principia este sábado en casa a súa participación na Liga Galega

Equipo premini – Baloncesto Narón

O pavillón do colexio Santiago Apóstol de Narón acollerá este sábado, 6 de maio, a primeira e segunda xornada do grupo Norte B da Liga Galega Premini, no que están encadrados, ademais do club anfitrión, o Baloncesto Narón, o Fisioterapia Cenfis-Basket Ferrol, o Obradoiro masculino da Coruña e o Estudiantes Azul Leyma.

Os catro equipos xogarán dous partidos, un pola mañá e outro pola tarde. O primeiro encontro medirá ao Balocesto Narón co Obradoiro Masculino, a partir das 10.00 horas, e o segundo enfrontará ao Fisioterapia Cenfis-Basket Ferrol co Estudiantes Azul Leyma. Xa pola tarde, ás 17,00 horas, xogarán o Obradoiro Masculino e o Estudiantes Azul Leyma, e dúas horas máis tarde, o derbi local entre o Baloncesto Narón e o Fisioterapia Cenfis-Basket Ferrol.

O sistema de competición da fase galega de categoría premini mudou esta tempada. Así, clasificáronse un total de 16 equipos –os dous primeiros de cada unha das sete delegacións zonais e dous máis procedentes das delegacións con máis fichas– que foron distribuídos en catro grupos, dous do norte de Galicia e outros dous do sur. A deste sábado será a primeira das tres concentracións. As seguintes están programadas para as fins de semana do 13-14 de maio e do 20-21.

Os dous primeiros clasificados de cadra grupo disputarán a fin de semana seguinte (27 e 28 de maio) os cuartos de final, as semifinais e a final.

O Baloncesto Narón premini, que é adestrado por Pablo Fuertes e Rubén Durán, rematou a competición local na primeira posición. Non perdeu ningún partido en toda a tempada.

Ademais, o club naronés é o vixente campión galego da categoría, título que acadou en xuño do ano pasado na fase final disputada no concello da Estrada.

Tamén o conxunto infantil do Baloncesto Narón principiará esta fin de semana a súa participación na fase de ascenso a Primeira División autonómica logo de se proclamar campión da liga local, con 17 vitorias e só unha derrota.

O reto para o conxunto adestrado por Samuel Barros e José Carlos Grandal non vai ser nada doado, tendo en conta que oito equipos de Galicia optan a tan só unha praza.

Os equipos están divididos en dous grupos. O Baloncesto Narón medirase nesta primeira fase ao CB Porto do Son, Culleredo e Estudiantes de Lugo. Na primeira xornada, que se disputará este domingo, día 7, ás 19.00 horas no colexio Santiago Apóstol, Baloncesto Narón recibirá ao CB Porto do Son, que non perdeu ningún choque na liga regular da delegación arousá.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …