O goberno bipartito bloquea a exixencia de investimentos para Cabanas nos Orzamentos do Estado

O goberno municipal de Cabanas bloqueou no pleno de onte, 26 de abril, unha moción que solicitaba unha serie de novos investimentos para Cabanas nos Orzamentos Xerais do Estado.

A moción, presentada polo BNG, denunciaba que nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2017 só se comprometen 1.300 euros para investimentos en Cabanas, correspondentes á partida “Actuacións para a reparación da Estrada N-651 P.K. 20+500 ao 26+900, no termo municipal de Cabanas (A Coruña)”.

En palabras do voceiro municipal, Iago Varela: “Cabanas foi ignorada nestes Orzamentos do Estado. Os cartos previstos non chegan nin para comezar a resolver os problemas da N-651, e todos os outros problemas de Cabanas é coma se non existisen para o PP”.

A iniciativa propuña que o pleno instase ao Goberno central a incluír financiamento para medidas como a mellora da seguridade viaria da N-651 ao seu paso por Cabanas ou a gratuidade da AP-9 nos tramos Fene-Cabanas e Cabanas-Miño; así como melloras nos servizos ferroviarios coma a modernización da liña Ferrol-A Coruña, a construción do by-pass de Infesta e a redacción dun Plan para establecer servizos de proximidade na comarca.

A moción tamén rexeitaba o “recortazo” en investimentos nos Orzamentos deste ano (442 millóns de € menos para o conxunto de Galicia), e lamentaba o esquecemento por parte do goberno do Estado dos sectores produtivos galegos, ao tempo que criticaba a discriminación dos Concellos galegos nos criterios de reparto dos fondos do Estado, nos que recibe 50€ menos por habitante (194,94€) que o conxunto do Estado (243,52€).

Porén, a moción foi rexeitada cos votos en contra do PP e abstención AEC. “Parécenos lamentable que o goberno municipal antepoña o seu partido aos intereses da veciñanza de Cabanas”, dixo Varela. “Se non veñen tentar conseguir o mellor para Cabanas, deberían reflexionar que fan gobernando, porque se o que van facer é defender o PP, que vaian deixando paso”, concluíu.

Lea también

Liberada una persona con un brazo atrapado en una máquina agrícola, en Monfero

Efectivos del Parque Comarcal de Bomberos, con base en As Pontes, han liberado a una …