Ao redor de cento oitenta nenas de oito clubs da provincia tomarán parte este sábado no 1º Torneo de Ximnasia Artística Feminina “Concello de Fene”, evento organizado polo Club Escola Ximnasia Artística Ferrolterra e pola Concellería de Deportes de Fene. A competición terá lugar no pavillón “A Xunqueira” de San Valentín este sábado, 22 de abril, de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.30 horas.
Segundo informan dende a concellería de Deportes, neste 1º Torneo de Ximnasia Artística Feminina de Fene contémplanse as seguintes categorías: Escolar 1-2-3-4 e Promogym 1-2. Ademais, ao longo da xornada, as ximnastas participantes competirán nas modalidades de salto, paralelas, barra e chan. Ao remate da xornada, tanto na quenda de mañá como na de tarde, entregaranse medallas ás tres primeiras clasificadas de cada categoría e aparato.
O 1º Torneo de Ximnasia Artística Feminina “Concello de Fene” comezará o sábado ás 10.00 horas coa participación das ximnastas das categorías Escolar 1, 2, 3 e 4. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, competirán as nenas das categorías Promogym 1 e 2. Ademais, o programa do torneo completarase con exhibicións de ximnasia artística e rítmica, a cargo das alumnas das escolas municipais de ximnasia artística e rítmica do Concello de Fene e dun grupo de nenas do Club Ximnasia Artística Ferrolterra que compiten en categorías superiores.
Oito clubs da provincia tomarán parte o sábado neste primeiro torneo que acolle o barrio fenés de San Valentín e que terá ademais o aliciente de ser un dos poucos que se organizan en toda Galicia: Club Ximnasia Artística Tempo, da Coruña; Club Escola Ximnasia Artística da UDC, Club Ximnasia Artística da UDC, Club Ximnasia Artística Coruña, Club Escola Ximnasia Artística Ferrolterra, Club Ximnasia Artística Ferrolterra.