San Sadurniño organiza charlas para mellorar a productividade dos montes

O Concello de San Sadurniño iniciará este mércores en Ferreira unha campaña informativa e de promoción do asociacionismo forestalxa sexa formal ou informal– como medio para xestionar o monte de forma máis sustentable e de obter del maiores rendementos. Neste sentido hai organizadas oito charlas polas parroquias a cargo de profesionais do sector que falarán sobre a unión de forzas para a produción planificada de madeira e tamén doutras posibilidades económicas asociadas ao monte, como o silvopastoreo e o aproveitamento micolóxico ou da biomasa. Desde a área de Desenvolvemento local agárdase que as charlas sirvan de caldo de cultivo para novas experiencias neste ámbito ás que o Concello lles podería brindar asesoramento técnico se existe demanda.

O 65,7% do territorio municipal son parcelas de monte. Arredor 6.500 hectáreas divididas en moitísimas propiedades. De feito, San Sadurniño caracterízase polo minifundio forestal xa que, salvo excepcións, a superficie media non chega aos 10 ferrados. O reducido tamaño das propiedades é un dos factores que dificulta a viabilidade económica dos nosos montes. Porén, existen alternativas que poden mudar esta situación, como pode ser a xestión conxunta de cara a producir máis e mellor madeira e produtos complementarios, á vez que se reducen os custos e se mellora a rendibilidade.

Existen xa varias asociacións comarcais centradas na negociación do prezo de venda da madeira. Porén, nun boletín informativo enviado ás casas recentemente polo Concello lanzábase unha pregunta para a reflexión: se nos xuntamos para vender madeira…¿por que non unirnos tamén para producila?. Algo que pode materializarse a través dunha fórmula asociativa ou simplemente con que máis de dúas persoas propietarias colindantes senten falar e cheguen a un acordo sobre que plantar e como facelo, ou sobre como compatibilizar a explotación forestal con outro tipo de riquezas, como o gando e a recollida de cogomelos.

Desde o Concello sinálase que o monte é un recurso estratéxico e que o forestal é un sector clave na economía local e galega. Porén, igual que na maior parte do país, o monte tamén sofre aquí os problemas comúns da escasa dimensión das parcelas, do abandono de moitas delas, da avanzada idade media das persoas propietarias, do monocultivo con especies que poden ou non ser axeitadas para un terreo determinado, etc., en contraposición coa realidade desexable dun monte dimensionado e produtivo que, alén de cartos para os seus donos e donas, tamén xere empregos directos e indirectos.

Neste senso o Concello vai organizar unha serie de xuntanzas en todas as parroquias para tratar sobre estes temas e para tentar concienciar da importancia do monte e da necesidade dunha xestión sustentable e racional da que se tire maior proveito.

Nestas charlas impartidas por profesionais do ámbito forestal falarase da situación actual da superficie forestal na nosa zona, dos problemas asociados ao minifundismo, das vantaxes de xestionar o monte en conxunto, da posibilidade desoutros aproveitamentos complementarios –silvopastoreo, micoloxía, castañas, etc.-, das formas legais de asociacionismo forestal, das vías de finanzamento e do acceso a axudas, etc.

En base aos resultados destas xuntanzas, o Concello podería ofrecer asesoramento técnico a aqueles grupos de persoas propietarias que queiran estudar a posibilidade de implantar novos modelos de produción ou de xestión conxunta das superficies forestais.

As charlas desenvolveranse ás 17.00h. nos seguintes lugares e datas:

– Ferreira: 19/04/2017, no local social da Seara

– San Sadurniño: 20/04/2017, na Casa da Xuventude

– Camiño Arriba: 21/04/2017, no local social

– Santa Mariña do Monte: 24/04/2017, no local social

– Lamas: 25/04/2017, no local social

– Bardaos: 26/04/2017, no local social

– Igrexafeita: 27/04/2017, no local social

– Naraío: 28/04/2017, no local social

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …