O Concello de San Sadurniño e a ANPA reeditan o convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades dentro e fóra do centro de ensino

Instante da firma – Concello de San Sadurniño

O Concello e maila ANPA do CPI de San Sadurniño rubricaron hai uns días co convenio anual de colaboración co que a entidade percibirá 4.000 euros para financiar as súas actividades e outras que desenvolva a comunidade educativa. Neste último caso atópanse a IV Carreira popular pola Igualdade prevista para o domingo 28 de maio e a III Parada familiar de Xogos Tradicionais, que terá lugar na leira da Cortiña na tarde deste sábado. A ANPA recibirá os 4.000 euros en dúas veces: 2.000 euros inmediatamente despois da sinatura do convenio e os outros 2.000 a finais de ano cadrando coa xustificación dos gastos das actividades realizadas. O documento recolle, ademais, o compromiso da asociación de nais e pais de organizar actividades lúdicas co gallo do Entroido, das Letras Galegas e do Magosto e Samaín.

Porén, cos cartos a ANPA tamén subvencionará a actividade de psicomotricidade de maneira que as familias do alumnado participante só teñan que pagar un máximo de 10 euros. Ademais, a entidade colaborará economicamente coas excursións escolares achegando 300 euros para as de infantil e primaria e outros 600 para a de secundaria.

O convenio rubricado o mércores pasado por Secundino García e a presidenta da entidade, Ana Belén Monteagudo, tamén reflicte o compromiso de organizar un curso de primeiros auxilios e unhas xornadas de apiculturaen colaboración coa delegación de Ferrolterra da AGA– dentro das actividades dirixidas a 1º e 2º de secundaria. Para o alumnado de 3º e 4º de secundaria tamén están previstas unhas xornadas de fructicultura coordinadas pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e outras sobre economía social e cooperativismo.

Xogos tradicionais e carreira popular

Por último, o acordo recolle a participación da ANPA na organización da III Parada Familiar de Xogos Tradicionais. O encontro co lecer tradicional desenvolverase na finca da Cortiña este sábado 22 de abril entre as 16.30 e as 19.00h. Está aberto á rapazada como principal destinataria da preservación dos xogos e enredos de toda a vida –o aro, o peón, as bólas, os tirapedras, etc.– pero tamén á xente adulta e, especialmente, aos avós e avoas que máis e mellores recordos gardan sobre os entretementos do pasado.

A Asociación de Nais e Pais do CPI tamén colaborará coa IV Carreira Popular Concello de San Sadurniño. Un evento programado para o domingo 28 de maio que xa ten aberto o prazo de inscrición e que nesta edición terá como un dos seus obxectivos promover a igualdade. A proba forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e, ademais, é unha das carreiras do II Circuíto Corre polo Norte que arrancará en Cedeira o 20 de maio e que rematará en Mañón o 3 de setembro.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …