Ana Torres Jack e Francisco Castro presentan o venres «Máis aló do azul e do rosa» na Casa da Xuventude de San Sadurniño

Ana Torres Jack

A psicóloga e xornalista Ana Torres Jack e o novo director da editorial Galaxia, Francisco Castro, estarán en San Sadurniño este venres a partir das 18.00h. para presentaren o libro «Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia«. Unha obra moi visual e estremadamente sintética que pretende ser guía de referenza na educación en igualdade dos nenos e nenas principalmente no ámbito doméstico, aínda que o seu contido é válido para as escolas e para calquera outro contexto onde se traballe con nenos e nenas. O evento desenvolverase na Casa da Xuventude e encádrase na programación do Día Internacional da Muller que vivirá o sábado pola tarde o seu acto central na Casa da Cultura.

«Máis aló do azul e do rosa…» é o libro máis recente de Ana Torres Jack. Licenzada en Psicoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca e cun mestrado en Medios de Comunicación, a autora é especialista en docencia en orientación dirixida tanto a profesorado como familias. Estas últimas son, precisamente, o público obxectivo do libro que presentará na compaña de Francisco Castro e da concelleira de Igualdade Ana B. Gundín.

«Malia todo o que se avanzou nos últimos anos en cuestión de igualdade entre homes e mulleres, queda aínda moito camiño por andar. E boa parte desa andaina ten que facerse dende o ámbito doméstico, dende as casas, dende a acción educativa das nais e dos pais«, explica Torres no seu blog, ao tempo que engade que a educación en igualdade «on é un labor doado, porque os medios de comunicación, e tamén os de ocio (cine, videoxogos…) insisten en perpetuar unha imaxe estereotipada da muller, idealizando a súa beleza e cousificando a súa sexualidade«.

Así nace «Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia«. Un libro breve e moi doado de ler que, sen dúbida, será de grande axuda para reparar nunha realidade que adoito pasa desapercibida, non por falla de sensibilidade coa cuestión, senón por estarmos dentro dunha realidade sociocultural con séculos de tradición patriarcal coa que cómpre rachar. «Desde o fogar podemos facer moito«, asegura Ana Torres, «nesta guía intento ofrecer dunha maneira sinxela e moi clara estratexias concretas para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia«.

A presentación do libro organizada pola área de Igualdade está concibida como unha pequena conferencia aberta ao público na que, ademais, tamén haberá a posibilidade de formular preguntas e dúbidas ao respecto da crianza dos fillos e fillas en igualdade. A actividade forma parte da programación co gallo do Día Internacional da Muller, que en San Sadurniño leva varios anos sacándose da data do 8 de marzo para darlle unha maior relevancia. O acto central desenvolverase o sábado á tarde na Casa da Cultura cunha proposta que xunta o audiovisual, a maxia e a música. Ademais, tanto a biblioteca municipal como o CPI tamén desenvolven actividades que se prolongarán ata ben entrado o mes de abril.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …