10 nenas e nenos participan no obradoiro de radio organizado pola biblioteca municipal de Fene

Cartel do evento – Concello de Fene

A Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene acolle durante os xoves de marzo unha nova edición do taller de radio co que se pretende achegar a rapazada a este medio, propoñéndolle para iso que produza un programa completo. Á iniciativa apuntáronse 10 nenos e nenas que, tras aprender os fundamentos da comunicación radiofónica, xa empezaron a facer entrevistas centradas na literatura. E é que o espazo que gravarán a fin de mes –e que se botará pola emisora municipal– estará dedicado á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Este xoves a rapazada participou na segunda sesión do obradoiro na que entrevistaron, entre outras, á mestra do CEIP Centieiras Paloma Rodríguez. Ademais de profesora, Rodríguez tamén é coautora dos contos da colección “A Igualdade conta”, de Edicións Embora.

Á mestra preguntáronlle polo oficio da escrita e polo proceso de creación e de produción editorial, co obxectivo de incorporar o seu punto de vista ao programa que gravarán o xoves 30 no estudio de Radio Fene para emitilo uns días despois. Neste proceso contan coa axuda do técnico Xavier Fernández e da xornalista Almudena Marcos, encargada ademais de dirixir o obradoiro que vai pola súa terceira edición.

O obxectivo principal da actividade é achegar os nenos e nenas de entre 9 e 12 anos ao medio radiofónico a través do xogo, a investigación e a creatividade sonora. Trátase dunha proposta lúdica que este ano se ocupa da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Os contidos que se tratan son moi variados e abranguen todo o proceso de produción, guionización e gravación dun espazo. Como conseguir unha noticia, como facer entrevistas, o xeito de redactar para a radio, a locución e outros aspectos abórdanse como un xogo práctico que, en último caso, busca converter a rapazada nun equipo capaz de sacar adiante un programa radiofónico.

O obradoiro é unha iniciativa da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé-Concellaría de Cultura e Ensino de Fene en colaboración con Radio Fene.

Lea también

Valdoviño convértese na capital do encaixe de bolillos coa súa multitudinaria Xuntanza de Palilleiras

Máis de 450 mulleres participan na cita que organiza a Asociación de Mulleres do Rural …